Xunta de Galicia

A actualización do Pladiga 2018 estará aprobada neste mes de abril tras o seu paso polo Consello Forestal

A titular de Medio Rural deu conta esta tarde no Parlamento da situación actual deste plan, que cada ano se actualiza en función das novas necesidades

A conselleira tamén incidiu na relevancia que ten o convenio de colaboración co Ministerio de Defensa na vixilancia e disuasión contra os incendios forestais
 

  • A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, compareceu esta tarde no Parlamento para informar de que a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2018 estará aprobada polo Consello da Xunta neste mes de abril, unha vez escoitado o Consello Forestal
  • A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, compareceu esta tarde no Parlamento para informar de que a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2018 estará aprobada polo Consello da Xunta neste mes de abril, unha vez escoitado o Consello Forestal
  • A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, compareceu esta tarde no Parlamento para informar de que a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2018 estará aprobada polo Consello da Xunta neste mes de abril, unha vez escoitado o Consello Forestal

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2018.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, compareceu esta tarde no Parlamento para informar de que a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2018 estará aprobada polo Consello da Xunta neste mes de abril, unha vez escoitado o Consello Forestal.

O plan deste ano actualizouse naqueles aspectos que debían ser modificados para adaptarse ás novas necesidades, denominacións de unidades administrativas e estrutura orgánica, con especial incidencia na prevención, defensa e investigación de incendios forestais. Porén, o obxectivo segue a ser o mesmo: reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais na comunidade galega, dentro dos recursos dispoñibles. Uns recursos que seguirán sendo de case 7.000 efectivos na tempada de alto risco, sobre 30 medios aéreos e 360 motobombas da Xunta, concellos e parques de bombeiros.

Así, traballarase para reducir a superficie queimada total con respecto da media dos últimos dez anos e conseguir unha diminución do número de activacións do Peifoga en Situación 2 respecto da media dos últimos 5 anos. O Pladiga é unha ferramenta moi útil na loita contra os incendios forestais, pero ademais dos labores de extinción é preciso seguir traballando nos de prevención.

Nese sentido, o departamento de Medio Rural está traballando en colaboración co sector na elaboración dun borrador de decreto que regule os aproveitamentos forestais e o réxime das cortas, aínda que nisto último xa se avanzou ao modificar a Lei de montes para simplificar as talas, a través dunha declaración responsable e dunha autorización forestal única.

A conselleira insistiu en que, tal e como se debateu tamén na comisión especial de incendios, a prevención vai máis aló do cumprimento das distancias e da xestión da biomasa, xa que é importante tamén apostar por unha xestión agrupada do monte e evitar así o seu abandono. Así, vaise a modificar a regulación das sociedades de fomento forestal, co fin de que se poidan integrar na Sofor tanto dereitos de aproveitamento, como o dereito de propiedade do monte. E, por outra banda, estase traballando na mobilización de terreos abandonados co fin de aumentar a base territorial das explotacións agrarias e favorecer así a diversificación do monte.

Operación Centinela Gallego

Noutra orde de cousas, a conselleira sinalou que dende o ano 2008, o Goberno galego mantén un convenio de colaboración anual co Ministerio de Defensa para levar a cabo unha misión de vixilancia e disuasión contra os incendios forestais. Este contrato subscrito determina que, en tempada de risco medio, o exército despregará na nosa comunidade un total de 27 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil. Porén, cando o risco aumenta a alto, os efectivos chegan ás 50 patrullas e un helicóptero e, xa no caso de moi alto, falamos de 75 patrullas e dous helicópteros de vixilancia.

A conselleira sinalou que este reforzo, que se centra fundamentalmente na vixilancia e disuasión nas zonas máis afectadas por incendios, está tendo moi bos resultados onde se despregan ditas patrullas, polo que este ano o convenio volverase a renovar por un importe similar ao dos últimos anos, que ronda os 500.000 euros.

Seguindo coa inversión da consellería en materia de prevención e defensa contra os lumes, Ángeles Vázquez lembrou tamén que o seu departamento destinou o pasado ano un total de 1,7 millóns de euros para a renovación dos equipos de protección individual (EPI) das brigadas que conforman o dispositivo de loita contra incendios forestais. Así, remarcou que o compromiso da Xunta cos traballadores deste servizo é incontestable.
 

Departamento: C. do Medio Rural
  • whatsapp