Xunta de Galicia

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, explicou hoxe no Parlamento as actuacións que se están a levar a cabo nos centros de titularidade pública

A Xunta continua co plan de melloras na rede autonómica de residencias de maiores

O Goberno galego leva investidos máis de sete millóns de euros que permitiron a execución de actuacións en Campolongo, Porta do Camiño ou na Residencia de Maiores de Caranza, entre outras

A previsión para o exercicio 2018 cifra en preto de dous millóns de euros a partida reservada para acometer novas actuacións de reacondicionamento e equipamento
 

Santiago, 11 de abril de 2018.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, deu conta hoxe en sede parlamentaria do plan de mellora de infraestruturas que o Goberno galego está a levar a cabo na rede autonómica de residencias de maiores dende hai tres anos. Un programa, no que se levan investidos máis de 7,5 millóns de euros, que permitiu a realización dun bo número de actuacións nos centros de titularidade e xestión pública e que terá continuidade neste exercicio 2018, no que está prevista unha inversión de preto de 2 millóns de euros. Rey Varela enmarcou este programa no “compromiso da Xunta para cos nosos maiores”. “Queremos manter e mellorar a rede de centros públicos e queremos mellorar tamén a calidade asistencial das prestacións que ofrecemos aos nosos usuarios”, asegurou o conselleiro antes de pasar a debullar o contido do plan.

Na súa intervención, o conselleiro explicou que dende a creación da Consellería de Política Social, o Goberno galego está a impulsar un plan de actuacións tanto en obras de acondicionamento como na adquisición de equipamento co fin de garantir e mellorar o benestar dos residentes da trintena de residencias de titularidade pública coas que conta a Comunidade galega. Deste plan se beneficiaron xa centros como o de Porta do Camiño, a Residencia de Maiores de Caranza, a Residencia de Maiores das Gándaras, Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, as Residencias de Maiores de Oleiros, Marín, O Carballiño e Campolongo, entre outras.

Neste senso e con respecto ao centro pontevedrés, José Manuel Rey Varela explicaba que no marco deste plan de melloras, a finais do ano 2017, se habilitaba un novo comedor na zona central do cuarto andar co obxectivo de incrementar o espazo para os residentes; se adecuaba un novo control de enfermería, tamén na zona central do andar contiguo, separándose a zona de descanso das auxiliares da zona de control, e se efectuaban traballos de mellora nos ascensores. Tamén se adquiriron axudas técnicas e equipamentos. Con anterioridade se renovou a lavandería e todo o material de enfermería e na actualidade, se están executando as obras para repoñer o equipamento da cociña. Así mesmo, está pendente a recepción de pequenos electrodomésticos e axudas técnicas.

O titular de Política Social tamén avanzou que, no marco deste plan de mellora da rede galega de residencia de maiores e seguindo co exemplo de Campolongo, a Xunta de Galicia ten previsto incorporar nunha primeira fase novos servizos para os seus usuarios. Nomeadamente, suporá a conversión do comedor do cuarto andar nunha sala polivalente e a mellora do espazo reservado para o persoal de planta. Tamén a construción dun novo comedor máis espazoso e luminoso ao final do cuarto andar e a instalación de tomas de osíxeno. Estas obras de reacondicionamento, nas que xa están a traballar os servizos técnicos da Consellería, se completarán no futuro coa acometida dunha segunda fase que implicará, salvo dificultades urbanísticas, a mellora da accesibilidade deste inmoble a través da instalación dun novo ascensor, a reorganización dos servicios de enfermería e a construción de baños adaptados. Actuacións todas incluídas na partida orzamentaria de preto de dous millóns de euros cos que a Consellería de Política Social ten previsto dar continuidade ao Plan de mellora da rede autonómica de residencias.
 

Tema: Benestar
Departamento: C. de Política Social
  • whatsapp