Conde reivindica en Rianxo a convivencia de artesanía e industria na carpintería de ribeira

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións de Astilleros Catoira

Destaca a vocación desta empresa por adaptarse aos novos tempos o que ten permitido consolidar a súa actividade económica

Subliña o valor patrimonial da carpintería de ribeira e a necesidade de que a construción naval en madeira se converta nunha industria máis competitiva

Salienta o labor da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Algacari) que conta con 20 estaleiros que facturan 10 millóns de euros ao ano e dan emprego a preto de 600 persoas
 

Rianxo (A Coruña), 7 de agosto de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reivindicou esta mañá en Rianxo a convivencia de artesanía e industria na carpintería de ribeira, durante a visita que realizou as instalacións de Astilleros Catoira, un referente no sector con case un século de traxectoria.

Conde sinalou que esta empresa é a proba palpable de que as técnicas de artesanía máis antigas poden evolucionar conforme o fai a industria sen perder a súa esencia. Así, destacou a vocación de Astilleros Catoira por adaptarse aos novos tempos consolidando, deste xeito, a súa actividade.

Neste sentido, explicou que en Galicia a carpintería de ribeira ten aínda pleno sentido produtivo debido á súa condición de potencia portuaria e pesqueira e incidiu no labor de construción e reparación de embarcacións mexilloeiras que realiza Astilleros Catoira.

O conselleiro tamén puxo en valor o traballo da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) por manter esta tradición artesanal e por contribuír ao sostemento dunha importante industria. Tal e como explicou, Galicia conta con 20 estaleiros adicados a este oficio que facturan 10 millóns de euros e dan emprego a preto de 600 persoas.

Tras subliñar o valor patrimonial deste oficio artesanal, Conde, asegurou que é necesario que a construción naval en madeira se converta nunha industria máis competitiva e finalizou salientando que na carpintería de ribeira converxen dous obxectivos que a Xunta promove: a revitalización da artesanía galega e o impulso á industria da madeira a través da Axencia Galega da Industria Forestal.

Imaxes relacionadas