Miranda sinala a primeira Festa de Albariño de Cuxhaven como mostra do papel fundamental que xogan os galegos do exterior na proxección de Galicia fóra das nosas fronteiras

Máis dunha trintena de adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas participan na primeira edición do evento gastronómico

A cita contou coa presenza de representantes da cidade xermana, como o alcalde, Herbert Kihm, e da comarca do Salnés, entre os que figuran o presidente da Macomunidade e os alcaldes de varios concellos da zona
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2018
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, puxo esta mañá a primeira Festa do Albariño de Cuxhaven como exemplo claro do papel fundamental que desenrolan os galegos do exterior na proxección de Galicia fóra das súas fronteiras. O responsable autonómico foi o encargado de inaugurar o evento gastronómico, no que participan máis de trinta adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas e que está a celebrarse no Kugelbake-Halle.

O acto, que contou coa presenza de diversas autoridades xermanas, como o alcalde da cidade acolledora, Herbert Kihm, congregou na súa primeira edición centos de persoas, procedentes tanto de Cuxhaven como doutras localidades alemás próximas, como Hamburgo ou Bremen. Ademais do titular do departamento do Goberno galego, desde a comunidade desprazáronse ata Alemaña varios representantes da comarca do Salnés, de onde procede a meirande parte do emigrantes galegos que residen nesta zona do país teutón. O presidente da Mancomunidade do Salnés e alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida, e os rexedores de Cambados, Fátima Abal Roma; A Illa de Arousa, Carlos Iglesias Cores; así como o concelleiro de Enoturismo de Cambados, Jose Ramón Abal Varela; e a concelleira de Servizos Sociais e Educación da Illa de Arousa, Dolores Folgar Vilas, foron, así, testemuñas da posta en marcha desta cita, que pretende impulsar e difundir esta variedade de viño galego no corazón de Europa.

Promoción no corazón de Europa

“Resulta admirable como os galegos do exterior tedes sempre presente a vosa terra, as vosas orixes, o mellor de Galicia, para poder exportalo alí onde ides. A vosa constancia na imprescindible tarefa de levar Galicia sempre convosco, de lembrala alí onde esteades e de abrirlle as portas aos vosos fogares, estean onde estean, é unha virtude galega da que non todo o mundo pode presumir. Por iso, eu hoxe quero felicitarvos por facer da vosa comunidade a protagonista indiscutible do corazón arousán de Alemaña, por converter o seu produto insignia, o viño albariño, no seu orgullo gastronómico máis especial, e, en definitiva, por traervos toda Galicia aquí, hoxe, convosco”, sinalou Miranda.

A primeira Festa do Albariño distribuirá ao longo do día preto de mil botellas da Denominación de Orixe Rías Baixas procedentes tanto da zona do Salnés como da do Rosal, e complementará a súa faceta enolóxica coa promocional a través de catas cegas de viño abertas ao público, a presentación do destino O Salnés e do Camino de Santiago, a actuación de diversos grupos tradicionales e outras actividades como charlas sobre o viño, catas de degustación nos stands e, xa á noite, o concerto que ofrecerá un grupo musical de Galicia encargado de amenizar a celebración.