Anxo Lorenzo fai entrega do premio do Certame de investigación Condado de Pallares

O xurado decidiu por unanimidade galardoar a autora dun traballo titulado ‘Percorrido polos caneiros do Miño pertencentes a Guntín de Pallares’

Guntín (Lugo), 30 de novembro de 2018.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, asistiu hoxe á entrega do premio da XII edición do Certame de investigación Condado de Pallares, que recaeu por unanimidade do xurado no traballo titulado Percorrido polos caneiros do Miño pertencentes a Guntín de Pallares.

O director xeral felicitou a autora, premiada con 3000 euros, e sumouse á valoración do traballo, do que os membros do xurado destacaron a orixinalidade do tema, o seu carácter didáctico e a importancia da posta en valor dun aspecto do patrimonio cultural pouco estudado.

O Certame de investigación Condado de Pallares está promovido pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa Dirección Xeral de Políticas Culturais, e ten como obxectivo fomentar o estudo de calquera aspecto relacionado coa cultura, historia e tradicións dos cinco concellos do antigo Condado de Pallares (Chantada, Guntín, Taboada, Portomarín e Carballedo).

Caneiros

Os caneiros, pesqueiras ou pescos, son similares a unha presa que se constrúe en diagonal no curso dun río, desde onde se pesca ou coa que se desvía a auga para poder pescar. É unha construción tradicional ligada á hidráulica que se remonta á época romana. Están presentes en toda a xeografía galega, especialmente no río Miño. En 1908 atopáronse 700 pesqueiras nun tramo de 25 quilómetros do baixo Miño