A Xunta impulsa con 526.000 euros os procesos de internacionalización de 24 empresas lucenses

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que este ano medra nun 26% o número de empresas beneficiadas na provincia e nun 61% tanto o gasto incentivable como a axuda concedida.

Lugo, 21 de decembro de 2018
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vén de aprobar apoios por valor de 526.000 euros para impulsar os procesos de internacionalización de 24 pequenas e medianas empresas (Pemes) da provincia de Lugo.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que este programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria quere “facilitar as accións de promoción exterior, difusión ou prospección de mercados que melloren o posicionamento das empresas de Lugo no estranxeiro”.

Balseiro subliñou que as pemes “están realizando un importante esforzo neste sentido, e a Xunta colabora para que lles sexa máis doado este reto, que redundará en máis riqueza e emprego para Lugo”. As axudas, que tramita o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en réxime de concorrencia competitiva, supoñen o 70% do investimento subvencionable realizado polos interesados.

O delegado sinalou que se da “un importante avance” en relación ao pasado ano, cun 26% máis de empresas lucenses beneficiadas por este programa, e un incremento do 61% tanto do gasto incentivable como da axuda concedida.

Nove das Pemes teñen a sede social en Lugo capital, dúas en Monforte, outras tantas en Cervo e en Castro de Rei, e tamén as hai de Sarria, A Fonsagrada, A Pobra de Brollón, A Pontenova, Ribadeo, Cospeito, Vilalba, Becerreá e Chantada.

Ofrecen produtos moi diversos, entre eles moda, viño, maquinaria agrícola, lousa, mobles e outros elementos de madeira, queixo, obxectos de porcelana, utensilios para a construción e a industria, ou servizos como o deseño web.

O delegado indicou que a Estratexia da Xunta de Galicia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 procura o aumento do número de empresas da base exportadora, a busca e apertura de novos mercados, o apoio na ampliación de cota de mercados con menor presenza e maior potencial de crecemento futuro, e a consolidación de cota nos mercados maduros.

Neste sentido, lembrou que recentemente tamén se resolveu outro programa de axudas, mediante o que a Consellería apoiou con 152.400 euros a presenza de máis dunha vintena de pequenas e medianas empresas lucenses en sete feiras internacionais e a súa participación en misións comerciais directas no estranxeiro.

Estes apoios articuláronse a través da liña de axudas a organismos intermedios, en concreto a Asociación de Adegueiros e Transformadores do Miño (66.700 euros), a Asociación de Empresas de Xardinería (34.500 euros) e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (51.000 euros).