O titular de Medio Rural participou hoxe no IV encontro deste sector, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia

José González felicita á mocidade gandeira por converterse nun colectivo dinámico, responsable e con futuro en Galicia

O conselleiro puxo en valor os máis de 1.100 mozos galegos que se incorporaron á actividade agrogandeira nos últimos dous anos

A Xunta segue apostando polo fortalecemento do campo mediante axudas que permitan mellorar e crear novas empresas e desenvolver pequenas explotacións, cun orzamento no ano 2018 de 65 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2019
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá no IV encontro da mocidade gandeira, que organiza o Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, e onde felicitou a este grupo de mozos por converterse nun colectivo dinámico, responsable e con futuro en Galicia. A inauguración deste acto foi presidida pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel. Tamén asistiu o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Así, José González destacou a importancia de fomentar o rexuvenecemento das explotacións agrarias como forma de evitar o abandono do medio rural galego en xeral e do sector gandeiro en particular. Así, o conselleiro matizou que “a remuda xeracional é imprescindible neste eido produtivo”.

Neste senso, o titular de Medio Rural puxo en valor os máis de 1.100 mozos galegos que nestes dous anos se incorporaron á actividade agrogandeira, alcanzando así o 50% dos obxectivos marcados polo Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, que contemplaba no ano 2014 unha incorporación de 2.200 mozos en 8 anos.

Estes datos, sinalou o titular de Medio Rural, veñen a demostrar que o rural é emprego. Por iso, a Xunta segue apostando polo fortalecemento do campo mediante axudas que permitan mellorar e crear novas empresas por parte dos novos agricultores e o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Precisamente na última convocatoria deste tipo de achegas correspondentes ao ano 2018, o departamento que dirixe José González destinou un orzamento de 40 millóns aos plans de mellora das explotacións, outros 20 millóns para a incorporación de mozos e 5 millóns máis para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Cifras, destacou, que demostran o compromiso deste Goberno por un rural vivo e forte.

Talento no rural

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou o proxecto piloto que a Xunta de Galicia puxo en marcha o pasado ano para poñer en valor as opcións de empregabilidade que ofrece o rural galego. Neste programa participaron 62 mozas e mozos, dos cales 46 realizaron estadías formativas en empresas dos distintos sectores: gandeiro, vacún leiteiro, ovino, entre outros.

Así mesmo, gabou o talento da xuventude para emprender no rural, “un talento mozo que é sinónimo de dedicación, de creatividade e de preparación continua”, sinalou. Ademais, indicou que os mozos e mozas que aposten polo rural terán no Goberno galego un aliado para acompañalos no seu crecemento persoal e profesional.
 

Imaxes relacionadas