A Xunta defende a colaboración cos concellos e a CNMC para acadar un prezo do combustible competitivo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago, xunto co presidente da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), José María Marín, na xornada ‘O papel da Administración local ante o novo mercado de distribución de carburantes de automoción’

Sinala que a Fegamp está involucrada neste reto, xunto coa Xunta e a CNMC, a través da primeira Circular de boas prácticas neste ámbito

Destaca a importancia desta cooperación coa CNMC e a Fegamp para que consumidores e empresas poidan acceder a un prezo competitivo a través do impulso de novas fórmulas de comercialización e dun maior número de operadores en Galicia

A Xunta está a desenvolver o principio de simplificación administrativa ao substituír o rexistro de estacións, cun carácter de autorización, por unha comunicación previa, e ao refundir nunha soa norma o procedemento integrado e de rexistro

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2019
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe en Santiago, na inauguración da xornada O papel da Administración local ante o novo mercado de distribución de carburantes de automoción, a importancia de impulsar medidas a través da colaboración institucional que consigan que en Galicia se acceda a un prezo do combustible en igualdade de condicións para favorecer ao consumidor e á competitividade empresarial.

Na xornada, na que tamén participou o presidente da Comisión Nacional de Mercados da Competencia (CNMC), José María Marín, o titular de Economía agradeceu a este organismo e á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a súa implicación a través da primeira Circular de boas prácticas elaborada neste eido, un documento que se está a compartir con todos os concellos galegos e que segue as recomendacións da CNMC e da Comisión Galega da Competencia.

Esta iniciativa inclúe propostas concretas como que os usos do solo para actividades comerciais e industriais son compatibles coa instalación de gasolineiras; os centros comerciais e polígonos industriais poden incorporar, polo menos, unha estación de servizo; e a concesión de licenzas municipais para estes establecementos comerciais levará implícita a concesión dos permisos necesarios para a instalación de subministración de produtos petrolíferos.

A Xunta, ademais, está a cumprir co principio de simplificación administrativa ao substituír o rexistro de estacións de servizo, que ten un carácter de autorización, por unha comunicación previa; ao revisar o procedemento integrado para mellorar o seu funcionamento; e ao refundir nunha soa norma o procedemento integrado e de rexistro. Así mesmo, Conde avanzou que se está a traballar na tramitación dun Decreto que outorgue máis eficacia e eficiencia. Neste senso, lembrou que o decreto actual da Xunta para facilitar a tramitación administrativa permitiu desde o ano 2015 o rexistro de 40 novas estacións de servizo e recortar o diferencial con España nos prezos dos carburantes. De feito, no ano 2018, no caso do diésel, recortouse o diferencial en 2,2 puntos porcentuais.

Conde, así mesmo, recordou que a Xunta traballa da man dos concellos para ser administracións facilitadoras en todos os ámbitos e, ao respecto, lembrou que a Xunta promove a figura dos Concellos Emprendedores. De feito xa son 119 as localidades que apostan pola captación de investimentos a través da simplificación administrativa, as facilidades de acceso ao solo e máis incentivos fiscais.

Para rematar, o conselleiro insistiu na necesidade de seguir impulsando medidas para facilitar o maior número de operadores en Galicia e novas fórmulas de comercialización pensando sempre nos consumidores e no abaratamento do prezo final dos combustibles.

Imaxes relacionadas