Conde destaca que Galicia Open Future busca ser a ponte entre as grandes empresas e as 'startups' para impulsar o salto dixital do tecido produtivo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago de Compostela un encontro coa empresa gañadora do reto proposto por Coren dentro desta aceleradora que a Xunta impulsa con Telefónica

A 'startup' Ymaging será a encargada de realizar un piloto real para a cooperativa ourensá e terá acceso a axudas e préstamos de ata 130.000 euros

Os tres proxectos finalistas impulsados pola alianza entre Torusware e Biostatech; Gradiant e Merasys tamén poderán lograr apoios de ata 60.000 euros, e o mellor dos tres accederá a unha axuda de 10.000 euros para a posta en marcha do seu proxecto emprendedor

A iniciativa xa ten contado coa colaboración de Nueva Pescanova e de Finsa

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2019
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a aceleradora Galicia Open Future (GOF) é a ponte entre as grandes empresas tractoras de Galicia e as startups para impulsar o salto dixital para a transformación dos seus procesos produtivos. Conde mantivo hoxe unha reunión con representantes da empresa gañadora do reto proposto por Coren na última edición desta iniciativa, na que a Xunta colabora con Telefónica.

A cooperativa ourensá buscaba dar resposta a como poden as novas tecnoloxías axudar ao proceso de cebo do porco. Despois dunha fase de cocreación para a que se seleccionaron 10 proxectos, acceden á fase de aceleración a empresa gañadora, a startup barcelonesa Ymagin, e as tres finalistas, a alianza entre Torusware (spin off da Universidade da Coruña) e Biostatech (Santiago de Compostela); Gradiant (Vigo) e Merasys (spin off da Universidade de Vigo). Todos eles poderán, durante catro meses, madurar e evolucionar as súas propostas e consolidar o proxecto empresarial.

Ymaging encargarase agora de realizar un piloto real da súa solución para dar resposta á proposta de Coren e terá acceso a axudas e préstamos de ata 130.000 euros. Pola súa banda, os tres finalistas poderán lograr apoios de ata 60.000 euros, e o mellor dos tres accederá a unha axuda de 10.000 euros para a posta en marcha do seu proxecto emprendedor.

O conselleiro, que estivo acompañado por representantes de Coren e Telefónica, destacou que Galicia Open Future se basea na compra privada innovadora, e que conta con compañías líderes no seu sector, pois xa ten dado resposta aos retos propostos por Nueva Pescanova e Finsa. Salientou que forma parte de StartIN Galicia, a rede galega de aceleradoras, a través da cal se levan apoiado máis de 900 proxectos nos últimos cinco anos.

Imaxes relacionadas