A Xunta destaca a aposta da empresa lalinense Portadeza pola tecnoloxía para achegar valor aos produtos da industria forestal

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe nunha visita a esta compañía líder no seu sector dunha delegación do sector belga da bioconstrución organizada polo Clúster da Madeira de Galicia

A vindeira semana prevese activar un programa de axudas co que se mobilizarán máis de 6 millóns de euros na innovación e mellora tecnolóxica das empresas da segunda transformación da madeira, moblerías e sector contract

Lalín (Pontevedra), 20 de febreiro de 2019
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), salientou esta mañá nunha visita á compañía lalinense Portadeza xunto cunha delegación do clúster da ecoconstrución belga, que visita estes días a Comunidade da man do Clúster da Madeira de Galicia (CMD), a aposta desta empresa pola tecnoloxía para achegar valor aos produtos da industria forestal.

Neste ámbito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través de Xera, ten previsto activar a vindeira semana unha nova convocatoria do programa de axudas destinada á xeración de valor nos procesos industriais forestais e destinada ás pemes e micropemes que realicen segunda transformación, carpinterías, moblerías e empresas do sector contract que utilicen como materia prima a madeira.

Dotado con dous millóns de euros, con este programa prevese apoiar en torno a 40 proxectos e mobilizar máis de seis millóns de euros. As axudas alcanzarán un 50% dos investimentos e ata un máximo de 200.000 euros por beneficiario. Os proxectos terán por obxectivo aumentar a produtividade; a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados, ou implantar procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. A través desta convocatoria apóiase a adquisición de maquinaria para segunda transformación, a implantación de procesos de calidade como cadea de custodia, de madeira certificada, e plans de melloras da xestión e dos procesos produtivos (xestión Lean ou similar), así como investimentos en tecnoloxías e en obra civil relacionada cos investimentos anteriores.

Visita a Galicia

Un total de 15 persoas, na súa maioría arquitectos, integran a delegación belga que se achegou hoxe ata Portadeza, empresa especializada en portas de madeira desde a súa fabricación ata o seu deseño. Forma parte do grupo Dimoldura, líder do mercado nacional no seu sector. Durante a súa estancia en Galicia, están a visitar diferentes obras de referencia da arquitectura galega cun importante uso da madeira, ademais de a diferentes empresas punteiras asociadas ao CMD.

 

Imaxes relacionadas