A UE selecciona a Galicia como socia do proxecto das rexións da economía social europea

O obxectivo da actuación da Comisión Europea (CE) é tecer redes da economía e innovación social a nivel rexional e local baseadas no coñecemento

A Xunta destacou no proxecto que presentou para participar neste plan a Estratexia galega de economía social 2021 e o labor da Rede Eusumo

As comunidades participantes neste programa poderán debater ideas sobre os retos neste ámbito, coñecer as actuacións de apoio da UE e intercambiar puntos de vista cun experto da CE

O proxecto piloto ESER 2018 atraeu a 32 rexións e cidades de 14 estados membros da UE
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2019.- Galicia vén de ser seleccionada pola Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e Pemes (DG Grow) da Comisión Europea (CE) como socia do proxecto das Rexións de Economía Social Europea (ESER 2019) que ten como obxectivo tecer redes efectivas da economía e innovación social a nivel rexional e local. Do que se trata é de sensibilizar sobre este sector e construír unha economía social en toda Europa baseada no coñecemento.

O proxecto ESER dará a oportunidade á Comunidade galega de reunir ás partes implicadas neste eido a nivel rexional e local, debater ideas sobre os retos sociais existentes e, ao mesmo tempo, coñecer as iniciativas, proxectos e programas de apoio da UE e intercambiar puntos de vista cun experto da propia Comisión Europea. Así, será unha oportunidade para elevar a voz de Galicia a nivel europeo.

A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, destacou no proxecto que presentou para participar nesta actuación a Estratexia galega de economía social 2021, que ten como obxectivo incrementar nun 10% as entidades de economía social, chegando ás 3.300; aumentar nun 20% os empregos, ata os 17.500; e potenciar a presenza feminina nestas entidades. Así mesmo, puxo en valor o traballo da Rede Eusumo, unha iniciativa que creou o Goberno galego en 2012 para impulsar o cooperativismo e a economía social promovendo o seu desenvolvemento no eido local. Conta a día de hoxe con 206 entidades adheridas entre as que destacan 149 concellos. A través do asesoramento que presta esta rede creáronse xa en Galicia 142 entidades de economía social que xeraron preto de 530 empregos directos.

O primeiro plan piloto de ESER, que se levou a cabo en 2018, acadou atraer a 32 rexións e cidades europeas de 14 estados membros da UE. A segunda edición participarán xunto a Galicia máis de 50 rexións de 16 países. Na primeira convocatoria constatouse que os participantes crearon conciencia sobre a economía social a nivel local axudándolles a crear novas conexións entre as partes interesadas a nivel europeo. Ao final do programa piloto, as autoridades que participaron e as partes interesadas solicitaron unha continuación do proxecto.

Un dos requisitos para ser socio desta iniciativa é celebrar un evento a nivel local e/o rexional en colaboración cos outros actores da economía social. Galicia propón facelo no primeiro semestre deste ano. Os resultados dos eventos rexionais e locais presentaranse na conferencia da Semana Europea das Rexións e as Cidades de 2019 en Bruxelas.