Urxencias Sanitarias de Galicia 0-61 insiste na condena firme ás sabotaxes contra as ambulancias da rede de transporte sanitario urxente nas xornadas de folga

Como servizo esencial para a poboación, os servizos mínimos establecidos durante a folga son do 100 %

Entre as 12:00 de onte e as 12:00 horas de hoxe rexistráronse picadas nas rodas de 16 ambulancias asistenciais de soporte vital básico

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar para garantir a asistencia sanitaria urxente a toda a poboación 

A Estrada (Pontevedra), 23 de febreiro de 2019.- A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 insiste en condenar firmemente as sabotaxes e actos vandálicos realizados contra as ambulancias da Rede de transporte sanitario urxente durante esta segunda convocatoria de xornadas de folga, que comezou o pasado día 18 ás 00:00 horas e que está previsto se manteña ata as 23:59 horas de mañá domingo, 24 de febreiro. A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100 %.

Picadas nas rodas e pintadas

Desde as 12:00 horas do día 22 e ata ás 12:00 de hoxe, 23 de febreiro, rexistráronse picadas nas rodas de 16 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) con base nos concellos de Vigo (cinco ambulancias); A Coruña, Redondela e Baiona (dúas ambulancias cada unha); Betanzos, Ponteceso, Lalín, Nigrán e Cerceda. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a asistencia sanitaria urxente, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer novamente un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.  

Sanidade
Departamento: C. de Sanidade