Almuiña considera clave a colaboración entre Sanidade e os colexios profesionais sanitarios para manter a garantía de calidade do sistema

Segundo o conselleiro de Sanidade, “grazas ao traballo e ao esforzo común mantemos o elevado nivel do noso sistema sanitario”

“Estamos satisfeitos do traballo realizado para reformular o novo modelo de atención primaria ee confiamos en poder ir día a día adoptando as medidas que nos permitan avanzar”
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2019.- “Dende a Administración contamos con todos os actores que interveñen na Sanidade e, naturalmente, coa colaboración e participación dos colexios profesionais sanitarios. Cremos que a colaboración con vós é clave para manter a garantía de calidade do sistema, que depende fudamentalmente dos profesionais e, en gran medida, dos médicos”. Así o remarcou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no transcurso da asamblea do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España, que se celebra no Pazo de Fonseca.

Segundo o conselleiro, “grazas ao traballo e ao esforzo común mantemos o elevado nivel do noso sistema sanitario e, aínda que non sempre acadamos todos os obxectivos que nos marcamos, creo sinceiramente que logramos avanzar en moitos aspectos importantes. Este éxito depende en boa medida da profesión médica”.

Almuiña destacou que o seu departamento traballa na mellora das condicións dos que fan posible que o sistema sanitario funcione. Entre estas medidas o conselleiro destacou o incremento do cadro de persoal, contando con 1.544 profesionais máis que no 2008, e mellorando as súas condicións laborais, xa que, por primeira vez, existe o recoñecemento da carreira profesional ordinaria que beneficia a 22.000 profesionais.

Engadido ao anterior, o Sergas mantén o seu compromiso de realizar convocatorias anuais de ofertas de emprego. Así, entre 2012 e 2016 ofertáronse 1.606 prazas e entre os anos 2017 e 2018 máis de 3.000. Sinalar, ao respecto, que entre 2017 e 2020 o Sergas ofertou a posibilidade de estabilizarse a 5.000 persoas. “Queremos ofrecer estabilidade, e o 88% da plantilla estrutural do Sergas ten carácter estable. Ademais, o 96% dos médicos de familia son estables e os pediatras acadan o 100%”, dixo Almuiña.

Outras medidas tomadas polo Sergas e destacadas polo conselleiro son o concurso de traslados aberto e permanente e o retraso na idade de xubilación ata os 70 anos de forma voluntaria.

 

O titular da carteira sanitaria tamén remarcou o aumento da oferta MIR, relizándose na última convocatoria a maior oferta dos últimos anos con 404 prazas, 105 delas para medicina familiar e comunitaria.

Na súa intervención, o conselleiro incidiu en que para solucionar a falla de médicos de familia e pediatras que afecta a todo o Estado se necesita a colaboración do Ministerio de Sanidade e, por iso, Almuiña recordou que, na súa recente entrevista coa ministra, pediulle que o Goberno central adopte con urxencia medidas de carácter extraordinario para afrontar esta carencia. Así, o máximo responsable do Sergas considera prioritario a realización dunha convocatoria extraordinaria MIR na especialidade de medicina familiar e comunitaria así como eliminar a taxa de reposición nas categorías consideradas deficitarias. Ademais, solicitoulle que se incentive a retención de especialistas en prazas de dificil cobertura, así como que se axilice o procedemento de acreditación das unidades docentes para a formación sanitaria especializada.

“Outro dos temas nos que teremos que continuar traballando co Ministerio de Sanidade é o das incompatibilidades, para conseguir adaptar a normativa á situación actual”. Incidiu Almuiña no seu discurso na Asamblea do Pazo de Fonseca.

Novo modelo atención primaria

Almuiña sinalou que nos últimos meses “estamos inmersos nun proceso de análise e elaboración de propostas de mellora da atención primaria. Non podemos ser alleos aos cambios relacionados coa cronicidade e o envellecemento e por iso necesitamos adaptar o noso primeiro nivel asistencial a esta nova realidade”.

“O pasado mércores presentamos o borrador das conclusións dos grupos de mellora no que recollemos un total de 175 accións para deseñar a nova atención primaria. Estamos satisfeitos do traballo realizado e confiamos en poder ir día a día adoptando as medidas que nos permitan avanzar”.

No que se refire á cooperación internacional, a participación do personal do Sergas en programas o misións está garantida pola normativa do Estado e pola autonómica. “Dende Sanidade entedemos a necesidade de facilitar a concesión deste tipo de permisos e manifestamos a nosa vontade de colaborar nesta materia, tendo sempre presente as dificultades existentes en determinadas categorías como consecuencia da indispoñibilidade de profesioniais”.

Na súa intervención, o conselleiro fixo unha referencia especial á colaboración do seu departamento cos colexios oficiais de farmacia, moi importantes para garantir as prestacións á cidadanía e para o correcto funcionamento do sistema.
 

Imaxes relacionadas
Sanidade
Departamento: C. de Sanidade