Nava Castro comparte na principal feira de turismo ornitolóxico a oferta galega, con máis de 100 roteiros nas catro provincias

A directora de Turismo de Galicia asistiu hoxe no Parque Nacional de Monfragüe, en Estremadura, ao certame turístico máis importante do sector en España

Galicia participa cun ‘stand’ desde o que se ofrece información de produtos turísticos impulsados pola Consellería de Cultura e Turismo como ‘Galicia Birding’

Serradilla (Cáceres), 23 de febreiro de 2019.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe o principal certame de turismo ornitolóxico, a Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, que se celebra no Parque Nacional de Monfragüe, en Estremadura, e na que Galicia participa cun stand no que visitantes e profesionais poden coñecer a oferta ornitolóxica galega con máis de 100 roteiros polas catro provincias. Ademais, a directora mantivo un encontro co director xeral de Turismo de Estremadura, Francisco Martín Simón.

A Consellería de Cultura e Turismo vén impulsando desde hai varios anos experiencias como Galicia Birding, que achega as múltiples posibilidades que a nosa Comunidade ofrece para o turismo ornitolóxico e permite coñecer os espazos de alto interese ornitolóxico identificados en Galicia e distribuídos por toda a súa xeografía.

Estes espazos están clasificados segundo os hábitats, e deste xeito permite atopar zonas de litoral e mar aberto, áreas agrosilvopastorís, canóns e vales fluviais, áreas montañosas e boscosas, humedais interiores e contornas urbanas. Destes espazos, doce áreas destacan pola súa maior potencialidade: Zonas húmidas da Terra Chá, Rías de Ribadeo e Foz, Ría de Ortigueira e Cariño e Estaca de Bares, Costa da Morte, O Grove e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, A Guarda e o esteiro do Miño, Os Ancares e Montes de Cervantes, Oímbra, Monterrei e Verín, A Limia, Canón do Sil, Serra de Enciña da Lastra e Parque Natural Baixa Limia–Serra do Xurés.

En total Galicia Birding propón 148 roteiros e identifica 600 puntos destacados desde o punto de vista ornitolóxico. A páxina web de Turismo de Galicia inclúe información detallada de cada un dos roteiros e as aves máis características, un importante banco documental de fotografías cunhas 1000 imaxes así como unha sección dedicada aos fenómenos e espazos de interese ornitolóxico máis destacados mes a mes co fin de orientar aos observadores ao longo do ano. Así mesmo, outras seccións como consellos sobre como iniciarnos na observación de aves, un código ético para asegurar un comportamento respectuoso e sostible, ou información sobre os recursos naturais de interese.

Organizado pola Junta de Extremadura, o certame FIO está considerado como o máis importante do seu xénero no sur de Europa e constitúe unha cita obrigada para todos os especialistas e afeccionados á ornitoloxía en España.

Imaxes relacionadas