A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude para as probas de avaliación en competencias clave

Os exames que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar no DOG permiten ás persoas que non teñen aprobada a ESO ou o Bacharelato o acceso aos cursos formativos de certificados de profesionalidade

As inscricións poderán presentarse ata o próximo 29 de marzo e as probas terán lugar o 25 de maio no Recinto Feiral de Silleda

A Xunta puxo en marcha esta iniciativa en 2009 e ata o de agora solicitaron participar neste procedemento preto de 32.400 persoas

Santiago de Compostela, 5 de marzo do 2019
Compartir
  • whatsapp

A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude para as probas de avaliación en competencias clave, uns exames que permiten ás persoas sen ESO ou Bacharelato o acceso aos cursos de formación vinculados aos certificados de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria deste ano que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Estas probas, polo tanto, diríxense ás persoas que non posúen os requisitos de formación básica (ESO para o nivel 2 ou Bacharelato para o 3) requiridos para acceder aos cursos dos certificados de profesionalidade, co fin de que a través destas probas podan demostrar que posúen os coñecementos e capacidades básicas que lles permitan acceder e cursar con aproveitamento esta formación para o emprego.

Os interesados en realizar estas probas- de matemáticas, lingua castelá, inglés e galego- poderán presentar a súa solicitude ata o próximo 29 de marzo. A publicación da lista provisional de admitidos será o 30 de abril e ata o 7 de maio poderán presentarse alegacións. A publicación da lista definitiva terá lugar o 22 de maio. Os exames terán lugar o 25 de maio no Recinto Feiral de Silleda. As probas para o nivel 2 serán na quenda de mañá e para o nivel 3 pola tarde.

O modelo de solicitude estará dispoñible na guía de procedementos de servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal. A Consellería de Economía, Emprego e Industria dispón, ademais, dun enderezo específico onde se pode atopar toda a información e documentación necesaria, sobre este procedemento: http://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua?content=topic_0145.html.

A porcentaxe de persoas que resultaron aptas para o nivel 2 na convocatoria de 2018 foi dun 70% e dun 60% para o nivel 3.

A posta en marcha desta iniciativa responde á renovación que desde 2009 se vén realizando en toda a oferta de formación para o emprego, en base aos novos certificados de profesionalidade. A iniciativa busca fomentar a calidade da formación profesional para o emprego mellorando o perfil profesional das persoas e motivándoas para progresar no eido do emprego e na formación co obxectivo último de acadar a inserción no mercado de traballo. Entre 2009 e 2018 solicitaron participar nestas probas preto de 32.400 persoas.

Imaxes relacionadas