O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, interveu hoxe no I Foro técnico da Civil UAVs Initiative

Conde destaca que 54 proxectos optan a participar na primeira convocatoria da aceleradora aeronáutica galega

Precisa que máis da metade dos proxectos presentados, 37, son galegos, 16 proceden do resto de España e 1 do Reino Unido

Apunta que a área temática que concentra un maior número de iniciativas é a de carga de pagamento e sistemas, seguida da de deseño e produción e da de datos e información

Salienta que o Polo aeroespacial de Galicia estará presente na feira AUVSI Xponential 2019 de Chicago, que é o primeiro encontro mundial do sector que se celebra do 30 de abril ao 2 de maio

Castro de Rei (Lugo), 6 de marzo de 2019
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que un total de 54 proxectos se presentaron á primeira edición da Business Factory Aero, a aceleradora galega para o sector aeronáutico. Segundo precisou, destes 54 proxectos que concorren a esta convocatoria que se pechou o pasado día 28 de febreiro, máis da metade, 37, son galegos, 16 proceden do resto de España e 1 do Reino Unido.

Durante a súa intervención no I Foro técnico da Civil UAVs Initiative, apuntou, ademais, que a área temática que concentra un maior número de iniciativas é a de carga de pagamento e sistemas, seguida da de deseño e produción e da de datos e información.

A Business Factory Aero vaise desenvolver de maneira provisional nas instalacións da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), á espera de que se reforme o antigo edificio da residencia. Na que é a primeira das tres convocatorias previstas desta aceleradora, seleccionaranse 6 proxectos para ser impulsados.

Conde relatou como se está materializando o traballo que se está a desenvolver no Polo Aeroespacial de Galicia grazas á implicación de multinacionais como Babcock, Indra ou Boeing, e do medio cento de empresas e centros de coñecemento galegos que participan nestes proxectos, con máis de 300 profesionais dedicados a eles. Mencionou, así, o novo equipamento do que vai dispoñer a torre de control, o futuro parque industrial, ou o éxito comercial do helicóptero non tripulado Lúa, deseñado por Babcock e fabricado pola empresa do Porriño, Soldatec.

Destacou, ademais, que o Polo Aeroespacial de Galicia é o primeiro banco de motores de drons do Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG), ou o campo de ensaio do software de xestión de flotas da compostelá Coremain. E que nel tamén se están a desenvolver, a través da compra pública innovadora, diferentes solucións tecnolóxicas que van permitir aplicar o uso de drons en determinados servizos públicos, con 10 licitacións xa adxudicadas. Entre eles, na seguridade da flota pesqueira ou na xestión forestal e do territorio.

Conde recoñeceu que tanto os proxectos que van ser impulsados na Business Factory Aero como os que maduran nas instalacións de Rozas son o futuro do sector aeronáutico en Galicia. “O importante é ese traballo que se está a desenvolver os 35 proxectos de I+D e coa participación de 50 empresas, centros tecnolóxicos e universidades”, dixo, e engadiu: “É unha realidade que xa está permitindo que Galicia nestes momentos sexa unha referencia no sector dos drons e na incorporación de sistemas ás diferentes plataformas aeronáuticas”.

Presentes na feira Xponential 2019

O futuro, polo tanto, dixo, é prometedor polo talento das empresas e centros tecnolóxicos galegos que se están especializando nesta industria, e pola súa proxección internacional. Neste sentido, apuntou que a o Polo aeroespacial de Galicia estará presente na feira AUVSI Xponential 2019 de Chicago, que é o primeiro encontro mundial do sector que se celebra do 30 de abril ao 2 de maio e supón unha excelente oportunidade para que as empresas participantes poidan establecer contactos comerciais e de colaboración a nivel tecnolóxico.

“O Polo aeronáutico de Galicia é un polo aberto que ten que ver como pode colaborar con outros países, con outras universidades. A clave é prender aquí en Galicia un faro que estea permanentemente vixiante sobre os novos avances que se van producindo no sector”, concluíu.

Imaxes relacionadas