O Ramón Piñeiro lembra a Luísa Villalta no seu quince cabodano

Nas vésperas do 8 de marzo, Valentín García e Susana López Abella abren a xornada 'Palabra de muller', coa que se lle rende homenaxe á escritora

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da secretaría xeral de Política Lingüística, é depositario do Legado de Luísa Villalta

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron esta tarde na apertura da xornada Palabra de muller coa que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) quere renderlle homenaxe á escritora Luísa Villalta no quince cabodano do seu pasamento.

Valentín García quixo “agradecerlle unha vez máis á familia de Luísa Villalta a súa confianza no Ramón Piñeiro ao facelo depositario do legado desta magnífica escritora” e explicou que, “con esta xornada queremos renderlle homenaxe a ela e, con ela, a todas as mulleres que crean en galego”.

Pola súa banda, Susana López Abella defendeu a necesidade de seguir impulsando a igualdade de xénero no ámbito da cultura e da produción artística e de visibilizar referentes femininos, como é o caso de Luisa Villalta. Así, avogou por poñer en marcha políticas que muden as dinámicas actuais no mundo das artes, a creación e a produción intelectual, onde as mulleres seguen a estar subrepresentadas.

A canda os dous secretarios xerais, na mesa inaugural da xornada interviñeron tamén o coordinador científico e o secretario do CRPIH, Manuel González e Armando Requeixo, respectivamente, e mais a nai e a irmá da escritora homenaxeada, María Gómez Castro e Susana Villalta Gómez, respectivamente.

Palabra de muller

A xornada Palabra de muller, que se celebrou esta tarde no salón de actos do Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, incluíu unha mesa redonda, música e lectura de textos de Luísa Villalta.

A música correu a cargo do Grupo Vocal EntrElas e a violinista Paloma Diago Busto baixo a coordinación de Xosé Saavedra. A mesa redonda “Luísa Villalta, creadora integral”, moderada por Armando Requeixo, reuninu a Estíbaliz Espinosa, quen falou da autora como poeta; Inma Otero Varela, quen se referiu á súa faceta de ensaísta; Inma López Silva, quen abordou a de dramaturga, e Miriam Ferradáns, que se ocupou da pegada de Luísa Villalta nas novas xeracións literarias. A recitación e lectura de textos de Villalta correu a cargo das relatoras da mesa redonda e mais das bolseiras do CRPIH Belén Bouzas, Ana Bravo, Raúl Costas, Marina Garzón, Laura Gil, Ánxela Lema, Belén Poutón, Sonia Rico, Lara Rozados e Sara Villar.


O CIRPH, depositario do legado de Luísa Villalta

O Ramón Piñeiro é, desde o pasado mes de xullo, depositario do legado de Luísa Villalta. A familia da escritora entregoulle a este centro de investigación dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística manuscritos inéditos da autora, cartas, conferencias, apuntamentos de obras xa editadas, documentación persoal e mesmo gravacións sonoras e videográficas que constitúen un magnífico legado que o CRPIH se comprometeu a custodiar, a investigar e a difundir.

Luísa Villalta

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) foi unha poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, filóloga e violinista galega. Como poeta son da súa autoría Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004). Como autora teatral publicou Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999). Como narradora deu á luz os libros Siléncio, ensaiamos (1991), Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001). Como ensaísta asinou O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992), O outro lado da música, a poesía (1999) e Libro das colunas (2005). Coñecedora de varios idiomas, súas son as traducións do Manifesto por un novo teatro de Pier Paolo Pasolini (1994) e A mandrágora de Niccolò Machiavelli (1998).

Todo este intenso labor —desenvolvido en apenas tres lustros, pois faleceu prematuramente, con tan só corenta e seis anos— foi recoñecido con diversos premios, como os do I Certame Literario da Facultade de Filoloxía da USC, o Accésit do Premio de Relatos Pedrón de Ouro ou o Premio Espiral Maior de Poesía.

Imaxes relacionadas