Conde apela á implicación de toda a sociedade para que o mundo laboral feminino sexa un reflexo de igualdade e equidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe no acto ‘Mulleres que inspiran’, organizado por Aje-Lugo para conmemorar o 8M

Salienta que as mulleres emprendedoras representan a valentía, a iniciativa, a responsabilidade e o afán de superación

Un terzo do emprego xerado no último ano entre as mulleres concéntrase en postos técnicos e de alta cualificación

As novas tecnoloxías están abrindo novas oportunidades laborais e están a ser un campo de enormes posibilidades para o emprendemento

O pasado ano creáronse na provincia de Lugo 429 empresas, un 11,7% máis que en 2017

Lugo, 7 de marzo de 2019
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Lugo no acto Mulleres que inspiran, organizado pola asociación Aje-Lugo, para conmemorar o Día Internacional da Muller que se celebra mañá. Na súa intervención destacou que o camiño cara á igualdade real e efectiva precisa da implicación de toda a sociedade. Puxo en valor os avances acadados no emprego feminino, aínda que precisou que aínda queda moito camiño por diante que é preciso percorrer “todas e todos xuntos”. Así, apelou á implicación de todos os axentes sociais para que o mundo laboral sexa un reflexo de igualdade e equidade.

O acto xirou en torno á intervención de catro mulleres emprendedoras que, segundo afirmou o conselleiro, representan ás 12.000 que na actualidade ocupan en Galicia postos de dirección ou xerencia nalgunha empresa. En palabras de Conde, tamén representan a valentía, a iniciativa, a responsabilidade e o afán de superación das 482.302 mulleres galegas que están afiliadas neste momento á Seguridade Social e que supoñen case a metade do total.

Case un terzo do emprego xerado no último ano concéntrase en postos técnicos e de alta cualificación, o que, segundo subliñou, pon de manifesto que as novas tecnoloxías están abrindo novas oportunidades laborais e están a ser un campo de enormes posibilidades para o emprendemento. Con respecto a este último aspecto, o autoemprego é unha das principais fontes de xeración de emprego: o pasado ano creáronse na provincia de Lugo 429 empresas, un 11,7% máis que en 2017.

Para rematar, o conselleiro insistiu en que aínda queda moito camiño para acadar a plena igualdade, polo que apelou á implicación de todos os axentes sociais e económicos e das administracións para seguir traballando da man e, xuntos, conseguir este reto social.

Imaxes relacionadas