A Xunta promoverá os produtos e as vantaxes da economía social no Fórum Gastronómico 2019 que se celebra na Coruña

A Consellería de Economía, Emprego e Industria participará cun stand no que se ofrecerán aos profesionais asistentes os produtos e servizos das empresas da economía social galega

O obxectivo é establecer contactos e relacións comerciais para fortalecer o sector e poñer en valor o seu feito diferencial
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria participará un ano máis no Fórum Gastronómico 2019 que terá lugar en ExpoCoruña desde o domingo día 10 ata o martes 12 de marzo. A longo das tres xornadas, instalarase no Fórum un stand onde se informará aos interesados sobre as vantaxes e características da economía social, as súas potencialidades e as solucións que ofrece como modelo empresarial capaz de crear e manter emprego.

Presentaranse, ademais, aos profesionais asistentes os produtos e servizos das empresas da economía social galega co fin de establecer contactos e relacións comerciais e de desenvolver redes de cooperación empresarial para fortalecer o sector e poñer en valor o feito diferencial desta fórmula empresarial. Así mesmo, darase a coñecer ao público os produtos das empresas participantes, todos eles artigos galegos de primeira calidade para o que se organizarán no stand catro degustacións diarias, que terán lugar ás 12,00 horas, 13,00 horas, 14,00 horas e 17,00 horas.

Das quince empresas que participan nesta edición, un total de doce son cooperativas, dous centros especiais de emprego e unha é empresa de inserción laboral.

Os produtos que mostrarán abranguen desde a artesanía en madeira ata, en maior medida, o sector agroalimentario. Neste último senso, exhibiranse lácteos e derivados, apícolas, cárnicos, produtos hortofrutícolas, do mar, vitivinícolas e outras bebidas.

As empresas participantes son Bodega Cooperativa Jesús Nazareno; Bodegas Eidosela; Andaina; Como Cabras; Condado Paradanta; Bico de Xeado; Productores del Campo de Capela; Galifresh; Amarelante; Terras da Mariña; Tres Fuciños; Vélaro; Verín Biocoop; Conservas Anaco; e Rayados.

Os visitantes que se acheguen á Coruña poderán, ademais, participar en talleres de cociña, sesións monográficas de produtos, degustacións, exposicións de produtos alimentarios e artesáns, espectáculos ou concursos. Todo isto no marco dun encontro, o Fórum, consolidado como un evento imprescindible para os profesionais da gastronomía, xa líder a nivel nacional e con clara vocación internacional.