Cinco empresas artesás galegas participan en Madrid na segunda edición de Maison Vogue Novias

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou a mostra, que se celebra hoxe e mañá no Palacio de Santa Bárbara

Baixo a marca Artesanía de Galicia, amosan unha selección das súas pezas os obradoiros Javier Quintela Atelier e Anaquiños de papel, ambos da Coruña; Félix de Martín, de Ourense; Noroeste Obradoiro (Santiago) e Ojea Studio (Vigo)

Madrid, 9 de marzo de 2019
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron a segunda edición de Maison Vogue Novias, onde cinco empresas artesás amosan hoxe e mañá unha selección das súas pezas baixo a marca Artesanía de Galicia.

Javier Quintela Atelier e Anaquiños de papel, ambos da Coruña; Félix de Martín, de Ourense; Noroeste Obradoiro (Santiago) e Ojea Studio (Vigo) son as firmas artesás participantes neste encontro, que se celebra no Palacio de Santa Bárbara e que reúne as últimas tendencias do mundo nupcial.

O de Javier Quintela é un taller textil centrado nas noivas e as convidadas, realizando cada prenda de forma artesanal. Despois de máis de 14 anos traballando no mundo da moda en empresas como Inditex, Blanco, Caramelo ou Carolina Herrera, decide no 2010 crear o seu propio atelier.

Pola súa banda, Ojea Studio ofrece unha cerámica deseñada e elaborada artesanalmente en Vigo pola ceramista e enxeñeira Paula Ojea. As súas pezas inspíranse nas texturas da costa atlántica e formas xeométricas.

Félix de Martín é una marca de deseño e confección de complemento especializado en sombrereiría e afíns. A marca nace pola paixón do seu creador pola costura, o artesanal e o bo facer nos diferentes oficios da moda.

No caso de Noroeste Obradoiro, parte das técnicas máis tradicionais, as que se veñen utilizando dende a orixe da xoiaría, para crear pezas contemporáneas e atemporais.

Anaquiños de papel é un estudio creativo de deseño en papel que naceu da súa afección polo origami. Os seus traballos abarcan diferentes campos e un deles é o mundo das noivas, deseñando e construíndo fermosos decorados e ramos de noivas como os que presentan neste evento.

Imaxes relacionadas