A Xunta insta ao Goberno central a que saia da inercia e dea pasos firmes para concretar unha solución para Alcoa

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, amosa a súa decepción trala reunión da mesa de seguimento en Madrid, na que se seguiu sen dar a coñecer o borrador do estatuto das empresas electrointensivas

Sinala que no encontro se realizou unha primeira presentación do documento sen referencias ás propostas trasladadas desde Galicia, o que supón unha incerteza sobre os prezos da electricidade

A Administración autonómica presentou o caderno de vendas elaborado xunto cos traballadores para dar a coñecer as potencialidades da planta da Coruña
 

Madrid, 11 de marzo de 2019
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladou hoxe a súa decepción trala participación na reunión da mesa de seguimento de Alcoa, apuntando que, tralas expectativas xeradas onte polo Goberno na Coruña, non só non se achegou unha solución senón que o Goberno central tampouco presentou o borrador do estatuto das empresas electrointensivas.

Neste sentido, apuntou que “Alcoa segue cunha incerteza sobre a súa viabilidade e nese sentido trasladamos ao Ministerio a nosa inquedanza”, apelando ao Goberno a que “saia da inercia na que está instalado” e “dea pasos firmes para poder concretar unha solución e poder trasladar certezas sobre ese prezo eléctrico que pode permitir a viabilidade das plantas tanto da Coruña como de Avilés”.

Tal e como apuntou Conde, na reunión só se fixo unha primeira presentación do borrador do estatuto das empresas electrointensivas, que “lamentablemente non parece que vaia recoller unha solución integral e non parece tampouco que se vaian recoller todas as propostas que desde Galicia lle temos trasladado ao Goberno”. Así, incidiu, “ábrese unha incerteza tamén sobre se realmente vai permitir unha solución integral” que marque un prezo competitivo para a electricidade.

Pola súa banda, a Administración autonómica presentou no encontro o caderno de vendas elaborado xunto cos traballadores, que ten como obxectivo dar a coñecer as potencialidades da planta de aluminio da Coruña ante calquera investidor que puidese estar interesado. Fronte a isto, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que “hoxe quedou de manifesto que Alcoa nestes momentos non ten unha solución viable e que estamos aínda moi lonxe de poder identificar se realmente o estatuto dos consumidores electrointensivos pode dar unha resposta certa e un marco eléctrico competitivo aos investidores”.