Un cento de desempregados reciben en Vigo formación especializada no programa integrado de apoio á inserción laboral

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe aos alumnos e alumnas desta iniciativa que desenvolve a Confederación Provincial de Empresarios de Pontevedra (CEP) en colaboración coa Xunta

Os participantes están recibindo cualificación en operacións de cociña, actividades auxiliares de almacén e administrativas e para o pilotaxe de drons e robótica

Trátase dun programa formativo adaptado á demanda das empresas da contorna

Marnotes puxo en valor a importancia da cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para ofrecer novas oportunidades laborais á cidadanía

Vigo, 12 de marzo de 2019
Compartir
  • whatsapp

Un total de 100 persoas sen emprego estanse a formar na segunda edición do Programa Integrado de Emprego Apoio á Inserción Laboral que desenvolve en Vigo a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) en colaboración coa Xunta. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe aos alumnos e alumnas, na súa gran maioría menores de 30 anos, maiores de 45 anos, persoas en risco de exclusión social e con capacidades diferentes.

A cualificación que se imparte nesta iniciativa da Administración Autonómica céntrase en actividades auxiliares de almacén con formación complementaria en seguridade e manexo de carretas elevadoras; en pilotaxe de drons e robótica con formación complementaria en iniciación á programación; en operacións básicas de cociña que inclúen un curso sobre manipulador de alimentos; e en actividades administrativas na relación con cliente cun curso en ofimática. Os dous últimos itinerarios formativos inclúen a posibilidade de obter un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional.

O Programa Integrado de Emprego tamén ofrece accións encamiñadas a avanzar no desenvolvemento persoal, social e laboral do alumnado e sesións de orientación laboral.

O compromiso adquirido de inserción laboral para esta iniciativa, que inclúe un programa formativo adaptado á demanda das empresas da contorna e que rematará en novembro deste ano, é dun 45%. Ata o de agora, un 12% dos alumnos e alumnas xa atoparon un emprego.

Marnotes destacou a importancia da formación adaptada ás demandas do tecido empresarial e sinalou que o obxectivo destes programas é incrementar as oportunidades laborais dos participantes. “É un proceso destinado a mellorar a situación social e laboral das persoas a través de distintas fases e cunha intervención de carácter personalizado”, engadiu. Así mesmo, puxo en valor os plans que combinen formación e prácticas para dar resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral tamén se referiu ao programa integrado Asime Emprega 2018 que abarca o área territorial de Vigo, O Porriño, Narón e Ferrol e no que se están a formar 100 persoas sen emprego. A iniciativa inclúe itinerarios formativos en soldadura, operador industrial e loxístico e en mantemento, así como prácticas non laborais e accións de intermediación laboral.

Imaxes relacionadas