O CEIP Xesús San Luís Romero e o IES Álvaro Cunqueiro gañan o concurso-exposición Letras Galegas

O CEIP carballés fíxose co premio na categoría de infantil e primaria coa mostra “Antonio Fraguas, con A de agarimo e F de folclore”, en tanto que o IES vigués obtivo co traballo “Insuela” o galardón na categoría que inclúe o resto dos centros educativos

Política Lingüística distribuirá as exposicións, acompañadas de cadansúa guía didáctica, por máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2019.- O CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña) e o IES Álvaro Cunqueiro de Vigo (Pontevedra) fixéronse cos premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2019 que, como cada ano, convocaron a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Así o recollen desde onte o Portal da Lingua Galega e o Portal Educativo. O centro carballés, vencedor deste certame por segunda vez, obtivo o galardón na categoría de infantil e primaria polo seu traballo “Antonio Fraguas, con A de agarimo e F de folclore”, en tanto que o instituto vigués, coa exposición “Insuela”, resultou gañador na categoría de centros de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e restantes centros de ensinanzas especiais, ensinanzas deportivas e ensinanzas de idiomas. O certame escolar conta un ano máis coa colaboración de Feiraco.

Os dous centros educativos gañadores recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 2000 euros, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha das exposicións seleccionadas obterá unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto). Ademais, as dúas coleccións de 10 carteis que integran cada unha das mostras e as súas correspondentes guías didácticas imprimiranse e distribuiranse en máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior. O obxectivo desta difusión é achegarlle ao alumnado, á sociedade galega, á colectividade emigrante e ao estudantado de galego no estranxeiro a figura de Antonio Fraguas Fraguas, a súa obra e o tempo que lle tocou vivir.

Ademais, nas vindeiras semanas os dous proxectos gañadores estarán a disposición do público no Portal da Lingua Galega, a canda outros materiais especialmente elaborados para conmemorar o 17 de maio.

O Concurso-Exposición Letras Galegas forma parte da programación institucional que a Xunta de Galicia vai desenvolver nas vindeiras semanas en honra de Antonio Fraguas Fraguas, a quen se lle dedicará o vindeiro 17 de maio, e que pode consultarse en páxina web.

Coidado estético, TIC e modernidade

O xurado encargado de resolver o Concurso-Exposición Letras Galegas 2019 optou na categoría de infantil e primaria pola proposta “Antonio Fraguas, con A de agarimo e F de Folclore” por plasmar a vida e a obra do intelectual galeguista a través dun “harmonioso conxunto de carteis en que o coidado estético se combina co emprego das tecnoloxías da información e da comunicación” para ofrecer unha imaxe de Fraguas como “docente e estudoso” e para destacar na súa traxectoria “os valores de bondade, xenerosidade e, sobre todo, amor pola cultura e polas tradicións galegas”.

En canto á proposta do IES Álvaro Cunqueiro, “Insuela”, o xurado destacou “a perfección técnica”, que “se conxuga coa modernidade” nunha serie de carteis que mostran “a traxectoria vital e o legado intelectual de Antonio Fraguas -unha obra dignificadora da cultura popular e das tradicións galegas a través de disciplinas diversas como a etnografia, a xeografía ou a historia- de forma parella ás circunstancias que condicionaron o devir histórico da Galicia do século XX”.