A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, asistiron hoxe á presentación da Fundación Knowcosters e da súa canle de televisión
Fabiola García defendeu unha maior visibilidade para os logros que cada día acadan as persoas que habitualmente non saen en televisión, como os maiores dependentes, os menores en situación de desamparo ou as persoas con discapacidade
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta tarde a importancia de concienciar á sociedade sobre a necesidade de consumir con responsabilidade. Fíxoo na presentación da Fundación Knowcosters e da canle de televisión on-line knowcosters.tv, dedicada a promover un consumo informado, á que tamén asistiu a directora xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Sol Vázquez.
Na súa intervención, Fabiola García, enxalzou a tarefa pedagóxica desta fundación, en especial na sociedade de consumo actual na que a forma na que consumimos moldea o mundo no que vivimos. E avogou pola necesidade de facer unha reflexión previa sobre os efectos que ten cada decisión de compra que tomamos.
Ademais, explicou que o seu traballo na Consellería de Política Social consiste en axudar e impulsar a persoas que non aparecen de maneira habitual nos anuncios da televisión, como os maiores dependentes, os menores en situación de desamparo, as persoas en situación ou risco de exclusión e as persoas con discapacidade. De feito, a conselleira defendeu unha maior visibilidade e que se teñan en conta os logros que cada día acadan estas persoas.