O Ramón Piñeiro publica os XIX ‘Cadernos de fraseoloxía galega’

O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación dun novo volume desta publicación de referencia no ámbito dos estudos fraseolóxicos

Estará dispoñible para todo o público interesado no web do Centro Ramón Piñeiro, no Portal da Lingua Galega e na Libraría Institucional da Xunta

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), na presentación do volume décimo noveno dos Cadernos de fraseoloxía galega.

Valentín García destacou que con este número, os Cadernos de Fraseoloxía “entran definitivamente no grupo das revistas electrónicas, de acceso libre desde o momento da publicación do seus novos números, pero mantendo as liñas de traballo e o rigor que os levaron a ser un referente internacional no terreo dos estudos fraseolóxicos”.

O secretario xeral estivo acompañado durante a presentación por Isabel González Rey, directora dos Cadernos; Manuel González González, coordinador científico do CRPIH, e María Sol López Martínez, directora da súa área técnica de Lingüística.

O número 19 dos Cadernos de Fraseoloxía Galega mantén a estrutura de volumes anteriores, polo que se abre coa sección Estudos, que recolle cinco traballos relativos a distintos aspectos da paremioloxía e da fraseoloxía do neerlandés, do chinés, do galego, do castelán e do francés. A continuación, a sección Recadádivas acolle dúas novas escolmas de fraseoloxía centradas en Galicia, a primeira relativa á península do Morrazo e a segunda centrada na zona de Boqueixón. En Recensións analízanse seis obras publicadas recentemente, en tanto que en Novas se dá conta de referencias bibliográficas, congresos, recursos... dos últimos tempos. O volume péchase coa sección Balance, que ofrece a referencia completa do que 189 investigadores de 25 países deron á luz nos 17 anos de existencia dos Cadernos de Fraseoloxía Galega.

O número 19 está xa dispoñible no web do CRPIH e no Portal da Lingua Galega e, nos próximos días, poderá accederse tamén a el desde a Libraría Institucional da Xunta.

Revista internacional de investigación

Cadernos de Fraseoloxía Galega é unha revista internacional de investigación fraseolóxica editada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os Cadernos estudan a fraseoloxía e a paremioloxía de calquera lingua do mundo e en calquera dos seus enfoques: estrutural, fraseográfico, tradutolóxico, comparativo e didáctico.

Con ampla difusión en Europa, América e África, admite orixinais en oito linguas europeas, aínda que a publicación final se fai só en galego, porque esta revista naceu para estimular en Galicia a recolleita e investigación da fraseoloxía galega e universal.

Imaxes relacionadas