O Centro Tecnolóxico do Mar mostra aos escolares do CEIP Virxe do Rocío de Vigo a importancia da investigación no eido mariño

Os investigadores explicaron aos máis pequenos asuntos como o papel da muller na ciencia, a acuicultura, o cambio climático, as vocacións científicas, o lixo mariño e as tecnoloxías mariñas

Esta visita supón o peche da celebración da Semana da Ciencia nas instalacións do centro dependente da Consellería do Mar
 

Vigo, 12 de abril de 2019.- Máis dun cento de alumnos de primaria do CEIP Virxe do Rocío de Bouzas, en Vigo, visitaron hoxe as instalacións do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) para coñecer de primeira man o traballo dos investigadores deste organismo dependente da Consellería do Mar. Os pequenos, de 6 a 12 anos, participaron en distintos talleres para coñecer o traballo deste centro, desde as novas tecnoloxías coas que miden os cambios no medio mariño ata as medidas que se poden adoptar para reducir o lixo mariño.

Os talleres centráronse no traballo realizado a diario polo persoal do Cetmar e no marco de proxectos internacionais como o Cockles, o CleanAtlantic ou o ClimeFish. De feito, o programa incluíu talleres como O lixo mariño. Proxecto CleanAtlantic, no que os rapaces puideron xogar con caixas de area que contiñan os obxectos plásticos dun só uso que se atopan con máis frecuencia nas praias galegas, ou Coñecendo os croques!, para explicarlles as características dos berberechos.

Outras das actividades abordadas foron O cambio climático e a ciencia, no que os alumnos afondaron nos efectos do cambio climático na contorna, o Taller de tecnoloxías do mar, no que se achegaron ás tecnoloxías empregadas para a monitorización do medio mariño, Coñecendo aos científicos do mar, co que coñeceron os perfís das científicas e científicos que traballan no medio mariño, e Unha científica perseguindo un mexillón, que lles permitiu ver o día a día dunha científica traballando nos eidos da acuicultura e da pesca.

A visita dos alumnos do CEIP Virxe do Rocío é o acto que pecha a celebración da Semana da Ciencia no centro vigués dependente da Consellería do Mar e enmárcase nas actividades de conmemoración do 75 aniversario de creación do colexio.
 

Imaxes relacionadas