Medio Ambiente activa hoxe o operativo especial de Semana Santa nas Catedrais tras completar o reforzo da cartelería na zona

Ata o vindeiro 22 de abril, despregarase no monumento natural e nas súas inmediacións un dispositivo composto por tres guías, dúas educadoras ambientais e tres operarios, a maiores da presenza dun axente medioambiental que vixiará e advertirá dos riscos e posibles sancións a quen teña unha conduta imprudente

A Xunta contratou e instalou esta semana 32 novos carteis nos puntos sinalados polos expertos e en resposta á negativa do Estado a asumir a execución destes traballos pese a ostentar as competencias en materia de seguridade e costas

O estudo realizado pola Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia sobre o estado xeolóxico do monumento natural aconsellaba reforzar as sinalizacións de advertencia na entrada da praia, no propio areal e na senda acondicionada por riba dos cantís para ofrecer máximas garantías de seguridade para os visitantes

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lembra que no período de acceso regulado poderán visitar As Catedrais un máximo de 4.812 persoas ao día

Ata o momento xa se emitiron 9.474 autorizacións para visitar Catedrais entre hoxe e o 22 de abril e a previsión é que o Venres Santo sexa o día de maior afluencia
 

Ribadeo (Lugo), 12 de abril de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda activou esta mañá o operativo especial que se encargará de controlar o acceso á praia das Catedrais durante toda a Semana Santa, un dos períodos do ano nos que as visitas ao monumento natural están restrinxidas a un límite máximo diario de persoas e sempre mediante a solicitude dunha autorización previa.

O dispositivo despregado este ano pola Xunta estará formado por tres guías que se encargarán de solicitar e comprobar as autorizacións dos visitantes nos accesos ao areal, tres traballadores que permanecerán na zona do aparcamento supervisando o acceso dos vehículos e dúas educadoras ambientais que impartirán as visitas guiadas polo monumento natural. Así o explicou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que se achegou ata As Catedrais para supervisar o inicio do funcionamento do operativo de control da Semana Santa, que se prolongará desde hoxe e ata o 22 de abril.

Ao igual que en campañas anteriores, Belén do Campo explicou que tamén se pon á disposición dos visitantes un servizo gratuíto de visitas polo areal. Estes percorridos serán dirixidos por dúas persoas tituladas que informarán aos participantes sobre os principais valores ambientais do monumento natural. As visitas organízanse en dous grupos de 25 persoas cada un e desenvolveranse cada media hora coincidindo coa baixamar diúrna, polo que o número de pases diarios variará dependendo das propias mareas.

A maiores do persoal contratado para o operativo de control de acceso durante a Semana Santa, un axente medioambiental estará presente na zona coincidindo coa baixamar. Neste sentido, Belén do Campo explicou que como axente da autoridade, tamén advertirá dos riscos existentes aos visitantes e en caso de detectar algún comportamento ou conducta imprudente, informaralles das posibles sancións ás que se enfrontan.
Do Campo lembrou que o operativo humano activado hoxe súmase como reforzo durante a Semana Santa á nova cartelería instalada hai uns días tanto na praia como nas súas inmediacións co fin de informar ás persoas que se acheguen ata o espazo natural dos riscos existentes e da posibilidade de desprendementos de rochas e material desde os cantís.

Concretamente, indicou que se procedeu á colocación de 32 carteis -10 nos acantilados, 19 no borde do cantil e tres no paseo- axustándose ás localizacións indicadas polos especialistas e aplicando para a súa colocación ás técnicas máis respectuosas e menos agresivas co medio natural. Ao respecto, a directora xeral de Patrimonio Natural lembrou que a Xunta viuse obrigada a actuar neste sentido “por responsabilidade”, asumindo tanto o custo como a instalación da nova cartelería tras a negativa do Estado a acometer pola súa conta o reforzo na cartelería de advertencia que aconsellaban os expertos.

Así, as conclusións do estudo xeotécnico sobre As Catedrais encargado pola Xunta á Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia tras o accidente do ano pasado recomendaban reforzar e mellorar a sinalización naqueles puntos identificados como máis sensibles a desprendementos; concretamente, na entrada da praia, no propio areal e na senda que vai por riba dos cantís, as tres zonas nas que a Consellería instalou esta semana 32 carteis despois de que un equipo técnico encabezado por un xeólogo se desprazase ata a zona para estudar in situ as mellores localizacións.

Cómpre lembrar, en todo caso, que o monumento natural As Catedrais está localizado integramente en terreos de dominio público marítimo-terrestre polo que lle corresponde á Administración do Estado a adopción de calquera posible medida preventiva na zona, no exercicio das súas competencias sobre costas e como responsable de exercer como policía preventiva para garantir a seguridade das persoas que o visiten.

Plan de conservación e regulación do acceso

No plan de conservación do monumento natural As Catedrais, que entrou en vigor en xuño do ano 2015, detectouse que a principal ameaza para esta zona de gran valor ecolóxico pero tamén turístico era a entrada masiva de visitantes -especialmente en tempada alta e coincidindo cos días festivos-, unha afluencia que se foi incrementando nos últimos anos debido á súa crecente popularidade.

Por esta razón, a Xunta acordou establecer unha regulación do uso público deste espazo en certas épocas do ano, fixando en 4.812 persoas o límite diario de visitantes na zona do areal coincidindo cos períodos de máxima afluencia: os meses de xullo, agosto e setembro, a Semana Santa e algunha ponte sinalada, como a do 17 de maio. Nestas datas especiais, o resto do monumento natural pode visitarse libremente aínda que respectando sempre as áreas habilitadas para uso e desfrute público: o sendeiro sinalizado como “senda de uso recomendado”, o miradoiro, e a área de descanso.

Desde entón, as vías dispoñibles para obter autorización para baixar ao areal nos períodos de acceso restrinxido son a web ascatedrais, desde a que se pode solicitar o permiso cunha antelación de 45 días naturais; o ticket do taxi onde debe constar o número de licenza, o traxecto desde Ribadeo ata a praia das Catedrais, o importe e o número de persoas transportadas na viaxe; ou os pases dispoñibles nos establecementos hoteleiros do Concello de Ribadeo onde o visitante estea aloxado.

Tendo en conta o balance de visitantes dos últimos anos en Semana Santa e o ritmo das autorizacións emitidas, Belén do Campo avanzou que a xornada na que se prevé unha maior afluencia de persoas é o venres santo 19 de abril. De feito, a día de hoxe a páxina da Xunta desde a que se pode reservar praza para visitar o monumento xa leva emitidas un total dun total de 9.474 autorizacións para os 11 días durante os que o acceso á zona do areal estará sometido a regulación.

En todo caso, tal e como explicou a directora xeral, nestes momentos aínda quedan autorizacións dispoñibles para poder baixar ata a praia calquera día da Semana Santa –do 12 ao 22 de abril, ambos incluídos- e tamén hai prazas vacantes para participar na maioría das visitas guiadas programadas -salvo para o día 19 de abril- que se poden reservar gratuitamente a través da mesma web desde a que se solicitan as autorizacións. A pasada Semana Santa concedéronse en total 15.842 autorizacións para poder baixar ata o areal.
 

Imaxes relacionadas