O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asistiu aos actos conmemorativos desta efeméride

A Xunta celebra o 10º aniversario do centro de día de Pantón cun vídeo que recolle a traxectoria deste servizo desde a súa apertura

Atende a diario a 21 maiores procedentes do propio concello e doutros da súa área de influencia

Pantón (Lugo), 12 de abril de 2019.- O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, asistiu esta mediodía, acompañado polo alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, aos actos organizados co gallo do décimo aniversario do centro de día desa localidade, integrado na rede de centros de maiores da Xunta de Galicia.

A celebración, que tivo lugar no propio centro de día, incluíu unha actuación do coro das persoas que son usuarias dese servizo, a estrea dun vídeo que percorre os dez anos de existencia do centro desde a súa entrada en funcionamento, a entrega de medallas das Olimpíadas Interxeracionais e un aperitivo.

No centro de día de Pantón, que xestiona o Consorcio, traballan neste momento 12 profesionais e dispón de servizo de comidas. Ten unha capacidade máxima de 40 prazas e presta servizo a día de hoxe a 21 usuarios, non só do propio municipio, senón tamén a maiores dependentes de varios concellos da súa área de influencia.

Perfecto Rodríguez mostrouse moi satisfeito polo alto nivel de calidade do servizo prestado nestas instalacións durante esta década, “xa que ademais de garantir bos coidados para os nosos maiores”, sinalou, “son tamén un importante instrumento para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das súas familias”.

Así mesmo, lembrou que ademais do centro de día, o concello de Pantón conta cunha escola infantil da rede A Galiña Azul que oferta 20 prazas, xestionada igualmente polo Consorcio, e participa no programa Xantar na Casa, que sirve menús para os sete días da semana aos fogares das persoas que se ven imposibilitadas para realizar por si mesmas a compra ou preparar a súa comida diaria.

Imaxes relacionadas