A Xunta aposta por unha atención integral e a implicación de toda a sociedade para facer fronte á violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en comisión parlamentaria o “Informe anual de violencia de xénero do ano a 2018', cun anexo correspondente ás violencias sexuais

Segundo os datos dispoñibles, nos últimos anos tense rexistrado un aumento paulatino dos casos de violencia sexual

Destacou a posta en marcha o ano pasado de medidas novidosas como o servizo de quenda de garda psicolóxica ou o Plan de atención integral a menores orfos

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2019.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, defendeu hoxe a necesidade de seguir impulsando recursos de carácter integral para atender ás vítimas da violencia de xénero, e de implicar a toda a sociedade para facer fronte a esta lacra.

Así o sinalou hoxe durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria para presentar o Informe anual de violencia de xénero do ano 2018, e como novidade, o Informe anexo referido ás violencias sexuais. Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. O pasado 2 de maio xa se remitiron estes informes ao presidente da Cámara galega e aos grupos parlamentarios.

López Abella comezou a súa intervención facendo un breve repaso polos principais indicadores sobre a violencia de xénero en Galicia durante o pasado ano. Ao respecto, lembrou que en 2018 rexistráronse en Galicia 3 asasinatos por violencia de xénero: unha muller na provincia Pontevedra e dous mulleres na provincia da Coruña. A Xunta de Galicia personouse como acción popular nos casos de A Coruña, xa que no caso de Pontevedra o asasino faleceu.

No que se refire ás ordes de protección, en Galicia os xulgados de violencia sobre a muller ditaron un total de 2.021 ordes, 93 máis que en 2017. Por provincias, o maior número de ordes de protección solicitadas foi na Coruña con 767, seguida de Ourense con 533, Pontevedra con 525 e Lugo con 196. En canto ás denuncias, rexistráronse en Galicia no pasado exercicio un total de 6.537, o que supón 101 máis que en 2017. Por provincias, foi na Coruña onde máis denuncias se recibiron, 2.652, seguida de Pontevedra con 2.370. Ourense e Lugo foron as provincias nas que menos denuncias se recibiron con 806 e 709 respectivamente.

Atención integral

Na súa comparecencia, López Abella destacou a necesidade de impulsar medidas en todos os ámbitos para seguir afondando na prevención e loita contra esta lacra. Neste sentido, fixo fincapé en primeiro lugar no ámbito da sensibilización. Ao redor deste eixo, destacou medidas como as campañas do Día europeo contra a trata de persoas (18 de outubro) ou do Día internacional contra a violencia de xénero (25 de novembro). Tamén destacou varios convenios de colaboración: coa Federación Galega de Balonmán e coa Federación Galega de Baloncesto coa finalidade de que os clubs se sumaran á campaña do 25 de novembro; coa Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal) na difusión da campaña contra a violencia de xénero ou o concurso de imaxes e vídeos para a campaña do Día internacional contra a violencia de xénero, dirixido aos centros educativos.

Como novidade, López Abella destacou a campaña de prevención do acoso sexual e da violencia de xénero nas comunidades veciñais; a campaña De troula con sentido, para previr as agresións sexuais nas festas populares; ou a campaña Agresión OFF: Eu digo non á violencia sexual, coa finalidade de sensibilizar e evitar agresións sexuais contra as mulleres nos principais festivais musicais de Galicia.

Neste ámbito da sensibilización tamén fixo referencia aos obradoiros Igual a nós, unha actividade de dinamización en igualdade e prevención da violencia de xénero en 31 centros socio-comunitarios de Galicia e no que participaron 684 persoas.

No que se refire á formación, López Abella fixo especial fincapé no Plan PROXECTA, que incluíu no curso diferentes actividades: Por 365 días de respecto e igualdade, que se levou a cabo en 32 centros educativos, para alumnado de ESO, Bacharelato e FP; e Donas de si, que se levou a cabo en 24 centros educativos, para alumnado de ESO e Bacharelato. Neste ámbito educativo, ademais das campañas, destacan tamén medidas en marcha como a escolarización inmediata en caso de violencia de xénero (en 2018 rexistráronse 69 casos; e 16 nos casos de ingreso urxente nas escolas infantís).

Protección e asistencia

A protección e asistencia das vítimas é o eixe prioritario. A través do programa de atención psicolóxica, que se desenvolve en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, atendéronse en 2018 a 792 persoas (562 mulleres, 201 menores e 29 persoas dependentes). Pola súa banda, o programa Abramos o círculo, dirixido a homes con actitudes agresivas, atendeu un total de 86 homes.

Ademais, o pasado ano púxose en marcha por primeira vez o Servizo de quenda de garda psicolóxica, ao que se suma agora a recentemente aprobada quenda de garda social. Este servizo pioneiro foi activado 3 veces durante 2018. O ano pasado tamén se puxo por primeira vez un Plan de apoio integral a menores orfos por causa da violencia de xénero, que lamentablemente tamén se tivo que activar.

Outras medidas de protección son os dispositivos de alarma. En 2018 estiveron activos 38, 4 máis que en 2017. Ademais, dentro do sistema de seguimento integral da violencia de xénero VIOGEN houbo en 2018 3.532 casos activos, 382 máis que en 2017.

Na atención tamén é fundamental dotar ás mulleres das ferramentas necesarias para refacer á súa vida lonxe do agresor. Neste ámbito, destaca o programa de inserción laboral que se desenvolveu entre 2017 e 2018 e grazas ao que 73 mulleres atoparon un posto de traballo.

Nesta mesma materia, a Xunta tamén está a apoiar un protocolo para a detección de situacións de violencia de xénero nos lugares de traballo e publicou unha orde o pasado ano para implantar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral nas pemes galegas.

A nivel económico, o ano pasado 583 mulleres recibiron axudas de pagamento periódico e 91 de pagamento único. Pola súa banda, o número de usuarias da Rede galega de acollemento ascendeu a 177 en 2018, 91 máis que en 2017

Violencia sexual

Este ano, como novidade, a Secretaría Xeral da Igualdade fixo tamén entrega dun informe anexo sobre as violencias sexuais, que segundo establece a Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero é unha forma de violencia de xénero.

Ao respecto, López Abella destacou que un dos estudos máis recentes na materia é o realizado en 2018 pola Delegación de Goberno para a violencia de xénero para avaliar a percepción social da violencia sexual. Entre outras conclusións relevantes, reflíctese que a maior parte da poboación condena a violencia sexual, unha porcentaxe que diminúe cando estes comportamentos non implican relación sexual ou se producen dentro da parella. En xeral, as mulleres presentan un índice de rexeitamento superior ao dos homes.

En canto os datos, en decembro de 2018 o Ministerio do Interior publicou un informe sobre os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual en España. Estes datos, correspondentes a 2017, amosan un aumento anual paulatino dos feitos coñecidos desde o ano 2014. En España ascenderon a 11.692, dos que 459 tiveron lugar en Galicia (182 en Pontevedra, 180 na Coruña, 51 en Lugo e 46 en Ourense). O avance dos datos correspondentes a 2018 volven amosar un aumento dos feitos coñecidos: en España, do 18,1%, ao pasar de 11.692 a 13.811; unha porcentaxe de incremento similar á rexistrada en Galicia, onde foi do 17,64% ao pasar de 459 en 2017 a 540 en 2018.

Imaxes relacionadas