A Xunta organiza en Muros un simulacro de incendio forestal de nivel 2 como preparación ante posibles emerxencias

O obxectivo da simulación é desenvolver e coordinar a resposta dos diferentes corpos implicados

Trátase do primeiro simulacro que se realiza en Galicia este ano e participaron nel máis de 100 efectivos

Muros (A Coruña), 9 de maio de 2019.- A Xunta organizou esta mañá en Muros un simulacro de incendio forestal co obxectivo de seguir mellorando a preparación e coordinación ante posibles emerxencias.

A actividade tivo lugar na parroquia de Serres e contou coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo.

O obxectivo fundamental deste exercicio, no que participaron máis de 100 efectivos, foi comprobar que todas as cadeas de traballo, humanas e materiais, operasen con total coordinación. O resultado foi positivo por parte de todos os axentes participantes.

Trátase do primeiro simulacro que se fai en Galicia este ano, que se estenderán por toda a xeografía galega: dous por cada provincia. Baséanse nunha lóxica territorial, onde os medios e as operacións danse cunha perspectiva de colaboración, compartindo os actores implicados, o seu coñecemento do terreo e os medios cos que traballan.

Detalles do simulacro

O simulacro comezou ás 8,45 da mañá, e baseouse nun suposto lume a 100 metros do lugar de Serres, que podería poñer en perigo o núcleo de vivendas e os centros educativos.

Inicialmente, activouse o PEIFOGA en situación 0, pasando posteriormente a situación 2, activándose o PLADIGA e procedéndose a mobilización dos diferentes Grupos Operativos.

A activación foi decretada polo Director do Plan (Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña) participando no Comité Asesor a Alcaldesa de Muros, Xefe Territorial de Medio Rural da Coruña, Xefa Territorial da Consellería de Presidencia da Coruña e un representante da Delegación de Goberno.

No simulacro participaron axentes forestais, brigadas contraicendios, motobombas, , GES de Muros, SPEIS de CEE, AVPC (Muros, Mazaricos, Carnota), Policía Local de Muros, Garda Civil (COS-Coruña e COTA-Coruña), Policía Autonómica (UPA), 061 e medios da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e da AXEGA. Os grupos operativos do plan de actuación municipal de Muros quedaron integrados nos grupos operativos previstos no PEIFOGA, unha vez activado.

O Posto de Mando Avanzado (PMA) estableceuse no lugar de Pedreiro e o Centro de Recepción de Medios (CRM) no núcleo de Serres.

Durante o simulacro realizáronse accións relativas ao confinamento da poboación (IES de As Lagoas e Fontexería, CEIP Ramón de Artaza e Malvárez, e poboación de Serres). Tamén se realizaron cortes de estrada (AC-550, rúas do núcleo de Serres, pistas e camiños) e controis de accesos (na zona de intervención, PMA, CRM).

A intervención fíxose na zona forestal e nas vivendas próximas o lume no núcleo de Serres. Durante a mesma tiveron que participar medios sanitarios para evacuar a un afectado polo fume e atender a un ferído en tarefas de extinción.

As 13 horas a situación do simulacro deuse por perfectamente controlada, sen perigo para as persoas e os bens, dándose por desactivada a situación 2, coa conseguinte finalización do exercicio.

Imaxes relacionadas