A Xunta reivindica a incorporación das mulleres ao mercado laboral como piar fundamental para acadar a igualdade total

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, lamentou como certos sectores están moi masculinizados e por elo a Xunta traballa para revertelos

A Xunta de Galicia mantén activas iniciativas como a de Empregalia, que conciencia de que a igualdade total require de toda a poboación
 

Vigo, 10 de maio de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este venres á Empregalia, a feira de emprego organizada pola Asociación Mulleres en Igualdade, onde mostrou o seu firme apoio e compromiso con todas as iniciativas que contribúen á incorporación das mulleres ao mercado laboral. As estatísticas, recalcou Alfonso Rueda, amosan que estamos lonxe da igualdade real e fixo especial fincapé en certos sectores e ámbitos aínda moi masculinizados contra os que a Xunta traballa a diario para reverter.

Alfonso Rueda estivo acompañado pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e polo director xeral de Orientación e Promoción laboral, José Alfonso Marnotes. O vicepresidente da Xunta exemplificou a implicación do goberno galego co programa Emega de apoio ás mulleres emprendedoras, unha ferramenta que apoia proxectos dirixidos por mulleres coa súa conseguinte creación de emprego. Nesta liña, cabe destacar a participación na feira da Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia con un stand de información as persoas asistentes.

Ademais, a Xunta conta co programa Emprega en feminino, para impulsar o papel da muller no mercado laboral e o seu desenvolvemento profesional e empresarial. Alfonso Rueda quixo destacar tamén os apoios institucionais nun ámbito imprescindible e fundamental co programa de inserción laboral a mulleres vítimas de violencia de xénero. Por último, o vicepresidente destacou iniciativas como a de Empregalia, que conciencian a sociedade de que a igualdade real é un asunto que require da colaboración do conxunto da poboación.

Imaxes relacionadas