A Biblioteca de Galicia porá ao dispor da cidadanía o legado bibliográfico de Agustín Fernández Paz

Trátase dun fondo de máis de 5000 volumes que permite coñecer a actividade literaria, intelectual e docente do escritor, onde destacan as series sobre literatura contemporánea, cómic en galego e pedagoxía

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2019.- A Xunta de Galicia vén de aceptar a doazón do Fondo Agustín Fernández Paz, que permitirá coñecer o importante legado literario e pedagóxico do escritor vilalbés finado en Vigo en 2016. Trátase dunha biblioteca de autor creada ao longo dos anos polo escritor e pedagogo e que reflicte o seu mundo e os seus intereses e que contén unha colección completa dos seus traballos. É, polo tanto, un instrumento valioso para calquera estudo sobre a súa figura.

A colección doada polas herdeiras do patrimonio de Agustín Fernández Paz, valorada en 25.000 euros, conta cun fondo de máis de 5.000 volumes onde destacan as series sobre literatura contemporánea, cómic en galego e pedagoxía. Moitas das publicacións son obras en galego e exemplares dos libros de Fernández Paz editados por editoriais non galegas que aínda non estaban dispoñibles na Biblioteca de Galicia. Cómpre destacar que a incorporación desta biblioteca aos fondos da Consellería de Cultura e Turismo tamén permitirá o estudo do nacemento e evolución do libro de texto galego ao incorporar moitos dos primeiros exemplares que foron editados na nosa lingua.

O proceso desta doazón comezou en novembro de 2017, cando os técnicos da Biblioteca de Galicia visitaron os lugares onde estaban os documentos bibliográficos, situados en Vigo e Redondela, para valorar o interese deste fondo. Tras os informes favorables, comezouse o traslado dos fondos a biblioteca situada na Cidade da Cultura.

Literatura infantil e xuvenil

Agustín Fernández Paz é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil no ámbito ibérico. É autor de máis de cincuenta títulos, dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís e obtivo numerosos premios, tanto no ámbito galego coma no español ou no internacional.

Ademais de Perito Industrial Mecánico, Agustín Fernández Paz foi mestre e licenciado en Ciencias da Educación e traballou como docente durante máis de trinta anos, nos distintos niveis do ensino primario e secundario. Ademais desta dedicación á docencia, desenvolveu unha ampla actividade teórica e divulgativa, centrada na promoción da lectura, a introdución dos medios de comunicación na aula, a didáctica da lingua ou a normalización da lingua galega nos ámbitos escolar e social. Tamén tivo un papel relevante na elaboración de materiais didácticos de lingua e literatura.