A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, mantivo en Ourense un encontro coas persoas promotoras destes recursos de conciliación na provincia

A Xunta de Galicia manterá o seu apoio á actividade das Casas Niño que rematan este ano a experiencia piloto

O obxectivo é garantir a continuidade destes servizos que se localizan en concellos de menos de 5.000 habitantes

Ourense, 12 de maio de 2019.- A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, acompañada da delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, mantivo unha reunión informativa coas persoas promotoras das Casas Niño. Neste encontro sinalou que a Administración autonómica seguirá apoiando o funcionamento das Casas Niño que este ano rematan a experiencia piloto, a cal tiña unha duración de tres anos.

Con esta medida o Goberno galego garante a continuidade dos recursos deste tipo abertos na provincia ourensá ao abeiro da primeira convocatoria de axudas de 2016. As Casas Niño están dirixidas a familias que residen en concellos de menos de 5.000 habitantes. Ademais de facer máis doada a vida a estas familias, estes equipamentos contribúen a fixar poboación e a dinamizar a economía local.

A xuntanza tamén permitiu que as persoas promotoras destes equipamentos compartiran experiencias co gallo de avanzar na mellora da atención prestada. Na provincia ourensá son 32 as propostas de Casas Niño que contan co apoio financeiro para desenvolver a súa actividade con cargo ás convocatorias de axudas de 2016, 2017 e 2018. A Xunta traballa nunha nova orde de axudas para este ano 2019.

As Casas Niño son recursos gratuítos para as familias. Cada unha delas atende de maneira personalizada e nun horario flexible de luns a venres ata un máximo de 5 nenas e nenos de 0 a 3 anos. Na actualidade, hai 61 recursos deste tipo repartidos por toda a xeografía galega e serán 76 cando ao remate desta lexislatura.

Imaxes relacionadas