Ángeles Vázquez subliña o papel do sector no coidado dos ríos na clausura do Concurso Internacional de Pesca do Salmón

Durante unha visita ao Couto de Ximonde, a conselleira de Medio Ambiente lembra que o anteproxecto da Lei de Pesca Continental acaba de iniciar o trámite de información pública e anima aos pescadores a enriquecelo coas súas achegas

Vedra (A Coruña), 12 de maio de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou esta mañá ao colectivo de pescadores a continuar e manter viva en Galicia unha práctica deportiva que, na súa opinión, xoga un papel clave para garantir a boa saúde dos ríos galegos. Durante unha visita ao Couto de Ximonde, situado entre os concellos de A Estrada e Vedra, Vázquez Mejuto puxo en valor a figura dos pescadores galegos e a súa implicación no coidado do patrimonio fluvial da comunidade.

Precisamente, este emblemático couto do río Ulla é un dos puntos nos que durante toda a fin de semana se está a disputar a XLIII Edición do Concurso Internacional de Pesca do Salmón en augas galegas, unha das probas de maior prestixio e tradición do país. No centro de precintado e guiado de Ximonde, a conselleira coincidiu con algúns dos máis de 50 pescadores inscritos na competición, aos que recordou que esta mesma semana acaba de abrirse o trámite de información pública da nova Lei de Pesca Continental de Galicia.

Neste sentido, emprazou aos pescadores participantes no concurso e ao colectivo en xeral a aproveitar este período de consultas para trasladarlle á Consellería as súas suxestións e achegas co fin de “enriquecer” un texto que nace con vocación de futuro.

Coa nova Lei de Pesca Continental, indicou Vázquez Mejuto, a Xunta pretende actualizar un marco normativo vixente desde hai máis dun cuarto de século por outro moderno e capaz de establecer medidas efectivas para garantir o relevo xeracional do sector, fomentar a pesca sen morte na comunidade e potenciar a pesca como unha ferramenta capaz de contribuír ao desenvolvemento turístico, económico e social do medio rural galego. E para cumprir con eses obxectivo, engadiu, buscará a colaboración e o consenso dos pescadores.

Imaxes relacionadas