A porcentaxe de participación na OPE para a categoría de enfermería do Sergas supera o 87%

Presentáronse 7.675 opositoras e opositores dos 8.738 que estaban admitidos para un total de 830 prazas 

Silleda (Pontevedra) 12 de maio de 2019.- Un total de 7.675 aspirantes acudiron esta tarde ao Recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda (Pontevedra) para realizar os exames do concurso oposición correspondentes á categoría de enfermería nas quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral. O número de persoas admitidas foi de 8.738, o que supón unha participación do 87,83%

Neste proceso selectivo ofértanse 830 prazas, das que 372 corresponden á quenda de acceso libre, 415 á de promoción interna e 43 á de discapacidade.

Cómpre destacar que dos 8.738 admitidos, o 5,80% dos aspirantes proveñen de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, o 72,60% teñen menos de 40 anos e o 88,10% do total son mulleres.

Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame. 

Imaxes relacionadas
Sanidade
Departamento: C. de Sanidade