Alumnos do colexio de Palmeira coñecen na Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira a importancia da pesca e de consumir peixe

Preto de 250 cativos aprenden hoxe e o xoves os beneficios de ter unha dieta saudable e o percorrido que seguen os produtos pesqueiros desde que son extraídos do mar ata que chegan ao prato

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019.- Preto de 250 alumnos do Centro de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe de Palmeira visitan entre hoxe e o xoves a Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira para coñecer a importancia do sector pesqueiro e marisqueiro, con gran peso na zona, e as vantaxes de consumir peixe para ter unha dieta saudable. Os cativos tamén poden descubrir as posibilidades formativas que ofrece o centro dependente da Consellería do Mar de cara a converterse no futuro en profesionais deste sector.

A xornada formativa, que se desenvolve entre as 10.00 e as 12.30 horas, inclúe unha pequena charla e visitas aos simuladores de navegación e máquinas, aos que se suma un obradoiro de identificación de especies mariñas e xogos relacionados co mundo do mar e da pesca dirixido aos alumnos de Infantil. Nas algo máis de dúas horas que dura esta acción divulgativa os alumnos tamén aprenderán o percorrido que fan os produtos pesqueiros desde que son extraídos do mar ata que chegan ao prato.

Os cativos que estiveron hoxe na escola náutico-pesqueira pertencen aos cursos de 1º, 3º, 5º e 6º de Primaria mentres que o xoves acudirán os de 1º, 2º e 3º de Educación Infantil. Ademais das charlas e xogos formativos, os alumnos reciben material correspondente ás campañas da Consellería do Mar de fomento do consumo de produtos pesqueiros entre a poboación infantil como O sabor da aventura está no mar ou Ponlle as pilas ao teu bocata e a marca de calidade pescadeRías.

O centro tamén entrega ao colexio material elaborado pola Consellería como exemplares do libro Naufraxio en conserva, unidades didácticas relacionadas con el e outras vencelladas á campaña Ponlle as pilas ao teu bocata para fomentar unha alimentación saudable a base de conservas e o respecto ao medio ambiente.

Imaxes relacionadas