Mañá formalízase a acta de replanteo da rehabilitación enerxética co CPI Terras de Maside, trámite que marca o inicio das obras

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, reuniuse co equipo directivo do centro para analizar a execución desta actuación que ten un orzamento de máis de 435.000 euros

Os traballos, que teñen un prazo de execución de 2 meses, está previsto que estean rematados para o inicio do novo curso co fin de non interferir na actividade académica

Na provincia ourensá tamén se realizarán obras de mellora enerxética no CIFP Portovello da cidade
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional Educación executará este verán 5 proxectos de rehabilitación integral ao abeiro dos fondos de superávit , por un importe total de case 4,5 millóns de euros

Maside (Ourense), 26 de xuño de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o CPI Terras de Maside para analizar co equipo directivo do centro e cos técnicos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional as obras de rehabilitación enerxética que se van executar durante este verán. Estas actuacións contémplanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puso en marcha en 2016 en todo Galicia e que continua no presente exercicio con actuacións no colexio de Maside e no CIFP Portovello, da cidade das Burgas.

Díaz Mouteira anunciou que mañá, xoves, asinarase a acta de replanteo e inicio das obras , acto que que pon fin á tramitación administrativa e marca o inicio na execución dos traballos contratados.

Na visita, a delegada territorial estivo acompañada da xefa territorial do departamento autonómico que dirixe Carmen Pomar, Luz Fernández Quintas e persoal técnico da xefatura territorial. Nela expúxose o cronograma das obras, que teñen un prazo de execución de dous meses e que está previsto se realicen no verán para interferir o menos posible na actividade lectiva. O orzamento de adxudicación desta actuación ascende a 435.550 euros. Con eles acometeranse traballos para a mellora da eficiencia enerxética, en concreto o illamento da fachada, a substitución de ventás de carpintería de aluminio de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo con sistema de apertura oscilobatente, a instalación de novas persianas na planta baixa e a substitución de luminarias por unhas novas de alta eficiencia enerxética con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza en corredores e aseos.

Segundo explicou Díaz Mouteira, todos estes traballos de rehabilitación integral permitirán un aforro enerxético do 21,2 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 22,6 % en emisións de CO2.

Ademais substituiranse os falsos teitos existentes por un sistema rexistrable con panel acústico de lá de roca, renovaranse as cubertas dalgunhas aulas, mudaranse canlóns e baixantes nos patios interiores e nas zonas de cuberta que se renovan e colocaranse válvulas termostáticas nos radiadores e instalarase un programador horario na instalación de calefacción, entre outras actuacións.

En opinión da delegada territorial, “a comunidade educativa atopará o vindeiro curso un centro renovado, máis cómodo e axeitado ás súas necesidades, e máis eficiente e respectuoso co medio ambiente”.

Cinco proxectos de rehabilitación integral

A representante autonómica subliñou o compromiso do Goberno galego co benestar da comunidade escolar e afirmou que “investir en equipamento é tamén investir en calidade”. Así, recordou que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional executará este verán un total de 5 obras de rehabilitación integral noutros tantos centros da provincia de Ourense ao abeiro dos fondos de superávit, por un importe total de case 4.5 millóns de euros. Os centros escollidos na provincia son: o CEIP Condesa de Fenosa, no Barco de Valdeorras; o CEIP Calvo Sotelo, no Carballiño; o CEIP de Prácticas e o IES O Couto, na cidade das Burgas; e, por último, o CEIP Princesa de España, en Verín.

O obxectivo das actuacións de rehabilitación integral é a posta a punto dos centros máis antigos do sistema. Deste xeito, desde a unidade técnica provincial escolleuse, en base a criterios exclusivamente técnicos, centros de ensino construídos entre 1970 e 1985, que presentaban necesidades de mellora enerxética e funcional e cun número de alumnas e alumnos, en xeral superior a 150.

Díaz Mouteira expuxo que é intención da Xunta comezar estas obras a mediados de xullo e realizar a meirande parte dos traballos de maior impacto e incomodidade antes do inicio do curso que vén, de tal xeito que os labores que queden pendentes interfiran o menos posible na actividade lectiva.

Imaxes relacionadas