A Xunta inicia as obras de reforma integral e mellora da eficiencia enerxética no CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Burela

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, avanzou que os traballos contan cun investimento de máis de 860.000 euros

Actuarase nas fachadas, interiores e cuberta, tamén esta prevista a substitución de fiestras, portas e do actual sistema de iluminación por novos equipos LED

Burela (Lugo), 27 de xuño de 2019.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de iniciar as obras de reforma integral e mellora da eficiencia enerxética no colexio plurilingüe Virxe do Carme, en Burela, que contan cun investimento de 860.297 euros.

Os traballos teñen un prazo de execución de tres meses, malia que o groso das obras executaranse este verán, coincidindo coas vacacións escolares, co obxecto de interferir o mínimo posible na actividade ordinaria do centro.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañado de persoal técnico da Consellería, de membros do equipo directivo do centro e da empresa adxudicataria destes traballos (Construccións Jesús Naray, SL) visitaron hoxe as instalacións con ocasión da sinatura da acta de inicio das obras.

Balseiro explicou que con esta actuación “a Xunta cumpre o compromiso adquirido coa comunidade escolar deste centro –alumnos e profesorado–“ e salientou que ao remate das mesmas “disporán dunhas instalacións totalmente renovadas, máis confortables, seguras e coas máximas garantías”.

O CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Burela é un colexio que data do ano 1963, nos seus espazos máis antigos. Este curso producíronse problemas con filtracións de auga que obrigaron a executar obras de urxencia, que quedarán completadas coa actuación que hoxe se inicia.

Actuarase nos tres edificios que compoñen o complexo escolar

Os traballos a executar responden á tipoloxía de obra de reforma integral e reforzo da eficiencia enerxética, con melloras previstas nos tres edificios docentes que compoñen o complexo escolar: principal, central e norte.

O edificio principal alberga os despachos, aulas de infantil, cociña e comedor. No central, está emprazada a aula de música, idiomas e a biblioteca. E no edificio norte, máis moderno, están o resto das aulas, patios e ximnasio, o obradoiro de plástica e a sala de caldeiras.

Descrición dos traballos

A reforma incluirá un novo sistema de illamento térmico nas fachadas (sistema SATE) e na cuberta dos edificios empregando paneis de lá de roca. Tamén procederase ao pintado das fachadas, aulas e corredores e á substitución do solado exterior con baldosa de formigón e do interior con linóleo.

Polo que respecta ás fiestras, substituiranse as actuais por unhas novas con aluminio oscilobatente con dobre cristal e cámara de aire intermedia e un vidro acústico e de seguridade. Tamén se cambiarán a totalidade das caixas das ventás e persianas, por modelos de aluminio en color natural e illamento reforzado.

Actuarase no sistema de iluminación, coa substitución completa das luminarias existentes por equipos LED de alta eficiencia enerxética, con regulación e detectores de presenza emprazados estratexicamente nas zonas comúns. Ademais está previsto o subministro e montaxe de falsos teitos, tamén perfectamente illados con lá de roca.

Entre os traballos proxectados inclúese o azulexado en baños en cor branca, de alta resistencia e a renovación completa de varios aseos máis antigos (fontanería, grifería) no edificio infantil e despachos.

Como traballos complementarios inclúese a apertura dun oco no tabique de conserxería (que mellora a visión da entrada do centro), e a instalación dun sistema de apertura automática no acceso principal. Tamén a substitución do portón principal de ferro por un de aceiro. O acceso peonil da rúa dos Castros, disporá de apertura automática desde conserxería e o que se realiza pola rúa das Escolas, ampliarase para dar acceso a vehículos de grandes dimisións e camións. Finalmente procederase á inertización do depósito de gasóleo soterrado e á súa substitución por un máis seguro en superficie.

En definitiva, “a comunidade educativa atopará o vindeiro curso un centro renovado, máis cómodo e axeitado ás súas necesidades, e máis eficiente e respectuoso co medio ambiente”, asegurou o delegado.

Imaxes relacionadas