O conselleiro do Medio Rural presidiu en San Caetano o Comité Policial Antiincendios

A Xunta destaca que o reforzo da coordinación policial permitiu deter ou investigar un cento de presuntos incendiarios en Galicia no que vai de ano

José González salientou que esta cifra é semellante ao do conxunto do pasado 2018, o que dá idea de como se están intensificando os esforzos policiais para atallar este problema

O conselleiro puxo tamén en valor o incremento do 40% no número de detidos ou investigados pola Policía Autonómica, grazas ao reforzo da coordinación coas brigadas de investigación da Xunta
 

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2019.- No que vai de 2019 detivéronse ou investigáronse en Galicia arredor dun cento de presuntos incendiarios por parte das distintas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que operan na nosa comunidade. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, con motivo da reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios, que tivo lugar en San Caetano.

O titular de Medio Rural agradeceu este esforzo e salientou ademais que esta cifra é semellante á do conxunto do pasado ano 2018, o que dá boa idea –dixo– de como se están intensificando os esforzos policiais para atallar este problema. Estes datos, explicou o conselleiro, son o resultado do esforzo coordinado da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Autonómica, en colaboración cos efectivos da Consellería do Medio Rural despregados polo territorio, así como cos compoñentes do Exército integrados na Operación Centinela.

Nesta liña, José González destacou que a Benemérita detivo ou investigou no que vai de ano un total de 40 presuntos incendiarios na nosa comunidade. O número de investigados ou detidos pola Policía Autonómica ascendeu a preto de 60 a día de hoxe, o que representa un incremento de case un 40% con respecto á cifra total do 2018. O conselleiro puxo en valor esta porcentaxe e dixo que en gran medida se debe ao reforzo da coordinación coas brigadas de investigación da Xunta. Pola súa banda, a Policía Nacional identificou en Galicia 110 persoas por este mesmo motivo e controlou ata 179 vehículos sospeitosos no que levamos de 2019.

Precisamente para reforzar esta coordinación celebrouse hoxe en Santiago unha nova xuntanza do devandito Comité policial que, tal e como indicou José González, ten como principal finalidade intensificar esa cooperación no operativo de loita contra o lume forestal en Galicia.

O conselleiro sinalou que este comité avaliou, mediada a tempada estival, a situación no que atinxe á actividade incendiaria, co fin de facerlle fronte coa máxima eficacia posible, independentemente de que as condicións meteorolóxicas non estean favorecendo este tipo de prácticas delituosas.

Como novidade, José González quixo salientar tamén a incorporación a este comité de representantes da Brilat, coincidindo co inicio da Operación Centinela nos nosos montes. Lembrou, así mesmo, que precisamente se está intensificando a colaboración co Exército para integrar dun xeito máis intenso as capacidades do uso de avións non tripulados (drons) co traballo das brigadas de investigación de Medio Rural en tarefas de vixilancia e disuasión.

Mellora da eficacia

Trátase, incidiu o conselleiro, de combinar o labor dos profesionais co uso das tecnoloxías, para mellorar a súa eficacia. Así, lembrou que Galicia conta cun operativo de arredor de 7.000 persoas sobre o terreo que se apoia en cámaras de vixilancia (cobren xa un 50% do territorio) e co uso de drons. Recordou ademais que a cidadanía dispón do teléfono 900 815 085, totalmente confidencial e gratuíto, para informar de posibles actividades incendiarias.

Por último, o conselleiro remarcou que todo este esforzo conforma o que denominou como “gran irmán forestal”, unha especie de “gran ollo vixía” posto sobre os comportamentos incendiarios. Todo para intensificar, concluíu, a persecución destas actividades con todos os medios dispoñibles, co fin de poñer a disposición da Xustiza a estes delincuentes.
 

Imaxes relacionadas