A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou hoxe de que a Xunta licitará antes dun mes a redacción do proxecto da nova estación de autobuses intermodal

Ethel Vázquez avanza que o proxecto da nova estación de autobuses de Lugo incluirá a transformación da actual terminal nun espazo público cun intercambiador de transporte

Explica que a proposta prevé demoler a actual estación de autobuses e habilitar un espazo con zonas de paseo e unha parada de autobús con marquesiña que sirva como intercambiador e para habilitar un bus lanzadeira á intermodal

Preverase unha solución para que os actuais negocios instalados na actual estación poidan seguir desenvolvendo a súa actividade comercial

Indica que se trata de aproveitar o traslado da estación de autobuses á nova intermodal para facer desa parcela libre un punto de lecer, de limiar da muralla, e de conexión entre o centro e o seu núcleo de transporte público

Lembra que nin o Concello nin Adif responderon á proposta de convenio que a Xunta presentou en xullo para clarificar as competencias de cada administración e avanzar así no proxecto

Subliña que Lugo precisa da estación intermodal para aproveitar as oportunidades que suporán o Plan de transporte público de Galicia, que vai reordenar os servizos de autobús en 2020, e a chegada do AVE á comunidade

Pon en valor a aposta da Xunta pola intermodalidade nos últimos anos, xa que o transporte público vai xogar un papel fundamental porque é ambientalmente a solución máis sostible e economicamente é máis eficiente

Lugo, 23 de setembro de 2019
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación antes dun mes da redacción do proxecto da nova estación de autobuses intermodal de Lugo, que incluirá a transformación dos terreos da actual terminal nun gran espazo público para uso social e comercial que terá, ademais, un intercambiador de transporte.

Vázquez Mourelle explicou que se demolerán as instalacións da estación de autobuses e sobre ela se habilitará unha nova praza pública con zonas de paseo, mobiliario urbano, parque infantil, zonas verdes e unha parada de autobús con marquesiña que sirva como intercambiador e dende o que se podería habilitar un bus lanzadeira á estación intermodal.

Afirmou, tamén, que se preverá unha solución para que os negocios instalados na actual estación poidan seguir desenvolvendo a súa actividade.

Precisou que se trata dunha parcela de gran tamaño no centro da cidade e próxima á muralla e a rúas peonís, polo que debe ser destinada a un espazo de encontro para os veciños. Engadiu que isto axuda a facer cidade no centro, aproveitando o traslado da estación de autobuses á nova intermodal que se situará xunto á actual estación ferroviaria.

A intervención, segundo apuntou, convertería esa zona nun espazo pensado para vivir Lugo tranquilamente, que sirva de punto de descanso e lecer, de limiar da muralla, e de conexión entre o centro da cidade e o seu núcleo de transporte público.

No que se refire ao proxecto da estación intermodal, lembrou que en xullo tivo lugar unha reunión entre a Xunta, ADIF e o Concello de Lugo, na que o Goberno galego puxo sobre a mesa un texto de convenio útil, que clarifica as competencias e responsabilidades de cada administración, e que facilita o desenvolvemento do proxecto.

Non obstante, a conselleira precisou que a día de hoxe nin concello nin ADIF responderon ao respecto deste texto. Concretou que cómpre axilidade, pois o Plan de transporte público de Galicia vai reordenar os servizos de autobús en 2020 e a chegada do AVE está próxima e para sacar o máximo proveito a estas oportunidades, Lugo precisa da estación intermodal.

Puxo en valor a aposta da Xunta pola intermodalidade nos últimos anos, xa que o transporte público vai xogar un papel fundamental nese futuro porque é ambientalmente a solución máis sostible e economicamente é máis eficiente.

Salientou que o obxectivo é facilitar que se complementen entre si o taxi, o bus urbano, o bus interurbano, o tren, a bicicleta ou os vehículos de mobilidade persoal que están proliferando nos últimos anos.

Imaxes relacionadas