Preséntase o programa: “Chama, fala. O 061 escoita”, con motivo da celebración mañá do Día Mundial da Saúde Mental
Con este programa se pretende achegar á cidadanía os servizos sanitarios, favorecendo a accesibilidade
Aumentará a coordinación entre institucións e axentes implicados, e incrementará a sensibilización e a concienciación da sociedade sobre o suicidio como unha cuestión de saúde
Os médicos da Central de Coordinación do 061 aplicarán un procedemento de actuación baseado na detección precoz de persoas con risco de suicidio e a mobilización dos seus recursos asistenciais para tratar ao paciente no punto ou trasladalo aos centros sanitarios de referencia
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Flores Arias, presentaron hoxe, na Consellería de Sanidade, o programa: “Chama, fala. O 061 escoita”, enmarcando dentro das medidas para a mellora da atención e a prevención da conduta suicida, recollidas dentro do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia.
Esta iniciativa, que foi priorizada polo Consello Interdepartamental para a prevención do suicidio, establece o 061 como número de referencia para a atención das persoas que amosen ideación ou conduta suicida. A presentación deste programa realízase no marco da celebración, mañá, 10 de outubro, do Día Mundial da Saúde Mental, que este ano ten como tema principal a prevención do suicidio.
Este programa é o resultado dunha colaboración interdisciplinar entre a Consellería de Sanidade, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Atención Primaria e Atención Especializada de Saúde Mental.
No caso de que a persoa presente unha conduta suicida, é dicir, desenvolva comportamentos autolíticos, como intoxicacións ou lesións físicas, os facultativos da Central de Coordinación do 061 de Galicia mobilizarán o recurso máis axeitado para que se desprace ata o lugar no que se atope o paciente, poida avaliar o seu estado e realice o traslado ao centro hospitalario correspondente, no que recibirá atención especializada.
Naqueles casos nos que o paciente amose unha ideación suicida, os médicos da Central de Coordinación do 061 confirmarán a localización do paciente, constatarán se se atopa só ou con outras persoas e valorarán o risco de conduta suicida (grave, moderado ou leve).
O procedemento hoxe presentado contempla que, trala valoración dun facultativo, se o risco de suicidio estimado é baixo, e a persona conta con factores de protección, poida ser derivada directamente a través dunha vía rápida de consulta aos servizos especializados de saúde mental.
Aumento da coordinación
No Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra mañá, a través de iniciativas como esta, o Goberno galego quere transmitir que o suicidio é unha conduta que pode previrse, tal e como queda recollido nos obxectivos do Plan de prevención do suicidio de Galicia.
Os principais obxectivos do antedito Plan son a redución da taxa de suicidio e a diminución do sufrimento das persoas que presentan un intento de suicidio e das súas familias. Ademais, a posta en funcionamento do plan permitirá aumentar a coordinación entre institucións e axentes implicados; incrementar a sensibilización e a concienciación da sociedade sobre o suicidio como un problema de saúde; mellorar a atención ás persoas que presentan conduta suicida e aos seus familiares e, por último, fomentar a investigación e o coñecemento da conduta suicida na Comunidade galega.
Para levar a cabo a supervisión da execución do Plan de prevención do suicidio en Galicia e coordinar as medidas, constituíuse unha Comisión Interdepartamental, da que forman parte representantes das entidades sen ánimo de lucro que traballan no eido da saúde mental e administracións públicas con competencias en materia de educación, servizos sociais, o Instituto de Medicina Legal de Galicia, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, así como diferentes departamentos da Consellería de Sanidade.
O Plan de prevención do suicidio de Galicia compromete a todas as institucións públicas implicadas na abordaxe da conduta do suicidio e crea instrumentos de coordinación entre elas para mellorar a súa prevención. Así, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 constitúese, a través do teléfono 061, como servizo encargado de coordinar o procedemento de prevención do suicidio no ámbito extrahospitalario por medio dun procedemento de actuación baseado na detección precoz daquelas persoas con risco de suicidio.