A Policía Autonómica identifica a 15 persoas en 50 inspeccións por consumo de alcohol e drogas en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019.- Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un total de 50 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco en 7 concellos galegos entre o 18 e o 24 de novembro de 2019. Nestes controis identificáronse a 15 persoas e levantáronse 4 actas de infracción.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago nesta pasada semana realizáronse 32 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Brión, Ordes, Santiago de Compostela, Poio, Ponteareas e Pontevedra.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 15 persoas e inspeccionadas 50 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse catro actas de infracción, 1 por venda de alcohol, 2 por consumo de alcohol e 1 por consumo de drogas.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.