O Goberno galego continúa desenvolvendo o Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos públicos de transporte
Estes refuxios sitúanse nos puntos quilométricos 4+490 e 7+200 da estrada autonómica LU-234, que conecta a cidade con Friol
As marquesiñas permitirán que os veciños dispoñan de paradas máis cómodas e seguras, especialmente no caso dos alumnos que empregan o transporte escolar
A Xunta prevé a colocación de máis de 150 novos refuxios en toda a comunidade, unhas 30 na provincia de Lugo
A Xunta, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de instalar dúas novas marquesiñas no Concello de Lugo co fin de mellorar a comodidade dos usuarios do transporte público. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou a instalación destes refuxios.
Estas marquesiñas sitúanse nos núcleos de Riazón, concretamente no punto quilométrico 4+490 da estrada LU-234; e de Ceide, no punto quilométrico 7+200 da mesma vía autonómica, que conecta a cidade con Friol.
As dúas infraestruturas permitirán que os veciños desta contorna dispoñan duns puntos máis cómodos e seguros para a espera dos servizos de autobús interurbano, especialmente no caso dos alumnos que empregan o transporte escolar.
A instalación destas marquesiñas está enmarcada dentro do Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos públicos de transporte que está a impulsar a Xunta.
Esta iniciativa prevé a dotación de máis de 150 novos refuxios na comunidade, dos que uns 30 se corresponden coa provincia de Lugo. Ademais destas dúas marquesiñas que veñen de poñerse en servizo no Concello de Lugo, tamén se colocaron xa outras dúas no Concello de Bóveda.
Trátase de dotar de instalacións axeitadas as paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada co obxectivo de ofrecerlle ao usuario unha protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e mellorar a comodidade durante a espera.
Estas marquesiñas, con selo galego tanto no deseño como na madeira de piñeiro empregada, están integradas na paisaxe, con versións adaptadas aos ámbitos rural e urbano, creando unha imaxe recoñecible destes refuxios de Galicia.
O Executivo autonómico está a impulsar o novo Plan de Transporte Público de Galicia para proporcionarlles aos cidadáns uns servizos de autobús que respondan ás súas necesidades reais en materia de mobilidade.
A Xunta, ademais de duplicar e optimizar as liñas e paradas de autobús, tamén traballa na mellora das infraestruturas que albergan os servizos de transporte público.
Así, o Goberno galego continúa avanzando na execución das novas estacións intermodais nas cidades galegas, pero tamén está a realizar actuacións de acondicionamento nas terminais de autobuses da comunidade.