A Xunta avoga por traballar da man do comercio para poñer en marcha un plan de reactivación económica do sector

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un novo encontro con representantes da Federación Galega de Comercio para afondar nos pasos a dar para activar as medidas de apoio máis precisas e efectivas

Sinala que o futuro do sector pasa por ofrecer confianza para impulsar a demanda, intensificar a transformación dixital e as medidas de prevención

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2020
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que mantivo esta semana un novo encontro co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e representantes das federacións provinciais, avogou por traballar da man do sector para poñer en marcha un plan de reactivación económica neste ámbito.

Así, a xuntanza telemática tivo como obxectivo afondar nos pasos a dar para activar as medidas de apoio máis precisas e efectivas para o comercio galego, un dos sectores que máis está acusando o cese de actividade, constatando a acollida das iniciativas xa activadas e avaliando as que se enmarquen no día despois de que se levante o estado de alarma.

Segundo o conselleiro, “seguimos na planificación e na anticipación para deseñar un plan específico que nos permita incentivar a demanda”. O obxectivo primordial é incentivar que o consumidor acuda ao comercio de proximidade, con xestos e medidas que infundan confianza e impulsen de novo a demanda. E, ao mesmo tempo, que o sector intensifique a súa transformación dixital para, entre outros aspectos, que os negocios teñan opción de ofrecer os seus servizos e produtos a través de internet e dispoñan de novas canles de venda. Ademais, no marco do novo plan, tamén se traballará en medidas de prevención de cara á reapertura, para garantir ao consumidor e aos traballadores do comercio unhas condicións de seguridade sanitaria.

Na reunión abordouse tamén a acollida que están a ter no comercio de proximidade as medidas xa activadas pola Xunta, como a liña de financiamento de ata 250 millóns de euros para achegar liquidez a pemes e autónomos, con préstamos de ata 200.000 euros que lles permitan facer fronte aos seus gastos e ás súas obrigas fiscais, e facéndose a Administración autonómica cargo dos xuros. Unha de cada cinco solicitudes deste programa proveñen do sector do comercio.

Xunto con isto, a Administración autonómica aprobou outras medidas como aprazar o pagamento de impostos autonómicos ou as cotas dos préstamos outorgados pola Xunta, para aliviar as cargas que, neste momento, afrontan moitos negocios que non están a xerar ingresos.

Imaxes relacionadas