A Xunta contribúe á proxección exterior da cultura galega con axudas para máis de 400 concertos e funcións en 17 países

Hoxe publícase na web da Agadic a adxudicación da liña extraordinaria para subvencionar actuacións, inserida no Plan de reactivación do sector cultural co obxectivo de reforzar a convocatoria anual de distribución dos espectáculos galegos

As iniciativas adxudicatarias nesta nova convocatoria suman 187 citas en sete países, que se engaden ás 220 cofinanciadas no período anterior ao estado de alarma

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2020

A Xunta publica hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a adxudicación da convocatoria extraordinaria de subvencións para a realización de concertos e funcións de artes escénicas, tanto dentro como fóra de Galicia, posta en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural co obxectivo de reforzar a liña anual de axudas á distribución para as industrias culturais no contexto da crise sanitaria. Neste caso, os proxectos subvencionados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade suman 187 actuacións, elevando a máis de 400 as citas protagonizadas en 17 países por grupos musicais e compañías escénicas galegas co apoio do Goberno autonómico a través de ambas convocatorias.

As súas dotacións, que suman 460.000 euros, destínanse a cofinanciar os gastos nos que incorren as empresas culturais con motivo do desenvolvemento de xiras e participación en festivais ou mostras fóra de Galicia. No caso da escena, apoiase así mesmo a distribución en escenarios galegos.

Europa, América e África

Ao igual que coas axudas á distribución, resoltas o pasado mes de xullo, coa adxudicación publicada hoxe dáse resposta á totalidade de solicitudes recibidas para iniciativas desenvolvidas desde primeiros de ano e ata finais deste mes de outubro en diferentes localidades galegas e españolas, así como en Alemaña, Arxentina, Costa de Marfil, Francia, Italia, Portugal e Suecia.

No caso das modalidades para artes escénicas, atópase entre os proxectos subvencionados o percorrido da compañía de danza La Macana por España, Alemaña e Portugal. No país veciño actuaron tamén Pedras de Cartón, Elefante Elegante e Producións Teatrais Excéntricas, mentres que Colectivo Glovo recibe axuda para a súa participación no festival italiano Cortoindanza, así como para a súa xira española.

En canto á música, destacan os concertos de Lydia Botana en Costa de Marfil, Italia Francia e diferentes puntos de España, así como os de Carlos Núñez en Bos Aires, ademais de en Asturias, Aragón e Cataluña, Mounqup en Suecia ou as respectivas xiras españolas de Samuel Diz, Luar na Lubre e De Vacas, entre outras iniciativas.

Compleméntase así a convocatoria anual de axudas á distribución para as industrias culturais, que en 2020 modificou as súas bases para contribuír a axilizar o financiamento de actividades executadas con anterioridade ao estado de alarma, concretamente as que tiveron lugar entre o 1 de novembro de 2019 e o 12 de marzo de 2020. A través dela, apoiáronse 67 iniciativas de proxección interior e exterior das artes escénicas e da música de Galicia que sumaron 220 actuacións en España, Arxentina, Austria, China, Cuba, Ecuador, El Salvador, Francia, Mozambique, Paraguai, Portugal, Reino Unido, Suíza e Uruguai.

Imaxes relacionadas