A Xunta apoia a cultura segura renovando o seu compromiso coa semana de cine Amal na súa décimo oitava edición

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do festival que se celebrará en Santiago de Compostela do 26 ao 30 de outubro

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da Semana de Cine Euroábabe AMAL, onde puxo de manifesto a importancia de impulsar a reactivación deste sector a través de iniciativas que promovan unha cultura segura.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu á organización do festival AMAL o seu esforzo e a súa aposta por reformularse a adaptarse á nova situación sanitaria. Valorou, ademais, a ampla traxectoria desta cita audiovisual que nos seus dezaoito anos de vida conseguiu, dixo, posicionarse como un dos eventos máis destacados na axenda cultural do outono galego grazas “á súa aposta pola diversidade, a diferenciación e a reflexión”.

Anxo M. Lorenzo salientou, ademais o compromiso do Goberno autonómico por preservar o emprego cultural mantendo o seu apoio co audiovisual con eventos como este festival, pero tamén ao sector do libro, das artes plásticas ou escénicas. Neste sentido, recordou que a Xunta ten en marcha o Plan de Reactivación cultural que facilitou a posta en marcha de preto de 4.500 accións culturais. “A cultura debe seguir, por iso seguimos buscando fórmulas que o garantan, apoiando novas ideas e formatos e axudando a que as industrias e profesionais poidan continuar traballando”, dixo.

A Semana de Cine Euroárabe AMAL cumpre 18 anos nun contexto inédito directamente marcado pola situación sanitaria. Por iso, a organización ten en marcha diferentes medidas e protocolos como a compra da entrada de xeito anticipado a través de Internet, a recomendación de asistir con antelación e entrar e saír de xeito ordeado para evitar aglomeracións. Tamén se prevé o uso de máscara e xel hidroalcohólico e empregar o asento asignado, entre outras. O festival celebrarase no Teatro Principal do 26 ao 30 de outubro.

Imaxes relacionadas