A Xunta activa a alerta vermella por temporal costeiro na provincia da Coruña

Agárdanse ondas de 8 a 9 metros e continuará vixente a alerta laranxa no resto do litoral galego

Lémbrase a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a web axega112.gal

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar a alerta vermella por temporal costeiro no noroeste e oeste do litoral da Coruña.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro dará comezo esta madrugada e agárdase mar combinada do noroeste con ondas de 8 a 9 metros.

Cómpre recordar que, ata agora, estaba vixente a alerta laranxa en todo o litoral galego. Agora, o noroeste e oeste da Coruña pasan a alerta vermella, mentres que se mantén o aviso laranxa para a Mariña lucense, o suroeste da Coruña e a costa de Pontevedra por ventos do oeste ou do noroeste forza 8 e mar combinada do noroeste con ondas ata 6 metros.

Ademais, o nivel de aviso será amarelo por nevadas no interior das provincias da Coruña e Pontevedra e en boa parte das de Lugo e Ourense. Tamén haberá alerta amarela por ventos do suroeste de ata 80 quilómetros por hora no noroeste da Coruña e na Mariña lucense.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas.

Recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Imaxes relacionadas