A Xunta inviste 1,2 M€ nun 'seguro coronavirus' que estará a disposición dos turistas que veñan a Galicia

Rueda explica que entrará en vigor a partir do primeiro trimestre de 2021 e cubrirá todos os custos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización no caso de infección por covid-19

O Consello coñeceu o balance da aprobación de 63 proxectos de pemes galegas que están mobilizando 12,6 M€ para a fabricación de equipamento sanitario e de material para a protección dos traballadores fronte á covid-19

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, anunciou hoxe na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta que o Goberno galego investirá 1,2 millóns de euros nun seguro coronavirus que estará a disposición de todos os viaxeiros que veñan a Galicia en calidade de turistas.

É unha medida novidosa que, segundo explicou Rueda, entrará en vigor a partir do primeiro trimestre de 2021 e “cubrirá todos os custos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización” no caso de infección por coronavirus e, tamén se tivese que gardar corentena por prescrición médica, aínda sen ser positivo.

Máis polo miúdo, o vicepresidente primeiro detallou que non será preciso solicitalo e que terá activo un servizo de atención telefónica 24 horas ao día en galego, castelán e inglés. Ademais todos os casos positivos que se reporten alí terán que ser coñecidos e validados pola Consellería de Sanidade.

A maiores, Rueda explicou que a única condición é que o viaxeiro non tivera contraído a enfermidade antes de chegar a Galicia e que non fixera a viaxe naqueles casos nos que estea, de ser o caso, desaconsellado ou prohibido polas autoridades sanitarias en orixe.

Esta iniciativa enmárcase no Plan de choque de reforzo do sector turístico, que, cunha dotación de 35,7 millóns de euros, incluirá outras medidas como incentivos ao consumo ou apoio aos turoperadores para a creación de paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia.

Para concluír o vicepresidente primeiro insistiu en que con este seguro “estamos reforzando esa sensación que ten que ser real de destino seguro e, sobre todo, de recuperación da confianza do viaxeiro nestes momentos tan complicados para o turismo e ás portas do Xacobeo cremos que é fundamental para calquera persoa que se estea plantexando vir”.

Comité fabricación covid

Tamén no eido da loita contra a pandemia do coronavirus, o Consello da Xunta coñeceu o balance da aprobación de 63 proxectos de pemes galegas que están mobilizando 12,6 millóns de euros para a fabricación de equipamento sanitario e de material para a protección dos traballadores fronte á covid-19.

Deste xeito, grazas aos apoios da Xunta a través dos programas Inviste Covid (5 M€) e os apoios para a reorganización produtiva das pemes galegas (2,5 M€), Galicia ten unha capacidade de produción diaria de máis de 1,4 millóns de unidades de máscaras, 40.000 litros de biocidas, 7.000 batas, 3.400 mamparas ou 12.000 pantallas.

O vicepresidente primeiro incidiu en que a Xunta destinou en total preto de 22 millóns de euros a impulsar o desenvolvemento e a fabricación en Galicia de produtos e solucións innovadoras para facer fronte á covid-19.

Imaxes relacionadas