A Xunta remítelle ao concello de Boimorto o convenio de colaboración para impulsar o saneamento nos núcleos de Viladónega, o Outeiro e O Pedral, cun investimento de 540.000 €

As actuacións propostas pola Xunta, cun prazo de execución de 4 meses, consisten na construción dun sistema de saneamento composto por unha rede de colectores cos seus pozos de rexistro e unha depuradora

Augas de Galicia achegará o 80% do investimento, 432.000 euros, asumindo a contratación, execución e xestión das obras ata a súa entrega ao Concello

O Concello financiará o 20% restante, 108.000 €, comprometéndose á obtención de permisos e á realización dos trámites necesarios, á posta á disposición dos terreos para a súa execución, e á recepción e mantemento das actuacións

Con esta intervención darase servizo a unha poboación de 99 habitantes
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de remitirlle hoxe ao Concello de Boimorto a proposta de convenio de colaboración para impulsar a renovación da rede de saneamento nos núcleos de Viladónega, O Outeiro e O Pedral.

Na actualidade estes tres núcleos carecen dunha rede de saneamento de augas residuais. Trátase dunha zona rural con vivendas unifamiliares, na súa maioría dispersas, onde tamén hai unha pequena explotación gandeira de vacún e un bar.

Mediante este convenio, desde Augas de Galicia proponse executar a instalación dun sistema de saneamento composto por unha rede de colectores cos seus correspondentes pozos de rexistro e unha estación depuradora de augas residuais.

Segundo recolle o texto do convenio trasladado pola Administración autonómica, a Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80% coa achega de 432.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello de Boimorto contribuirá ao financiamento do 20%, cun investimento de 108.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións. Tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Augas de Galicia prevé realizar esta actuación, cun prazo de execución de catro meses, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Este financiamento permitirá executar estas obras que teñen sido solicitadas pola entidade local e que se deben formalizar coa sinatura do convenio remitido hoxe por Augas de Galicia ao Concello, ao que se lle dá un prazo dun mes para dar resposta sobre o convenio, e para trasladar o correspondente xustificante da retención de crédito da achega que asume a Administración local.

Actuacións a executar

As obras proxectadas consisten nunha rede de colectores por gravidade sen bombeos intermedios e cun tramo en hinca para cruzar unha estrada autonómica. A rede rematará nunha depuradora de augas residuais que non precisará achega de enerxía eléctrica, unicamente haberá que dotar a instalación dun panel solar para alimentar a instrumentación e un punto de luz.

A rede de colectores executarase en tubaxe de PVC, de diámetro 250 mm, cos seus correspondentes pozos de rexistro. A lonxitude total desta rede é de máis de 2,5 km, complementada con 75 unidades de pozo de rexistro.

A depuradora onde se dirixirá o efluente non require achega de enerxía eléctrica ao funcionar por gravidade e ter sido proxectada para tratar un caudal máximo de 3,75 m3/ h. As instalacións concéntranse nunha área rectangular con peche perimetral de malla galvanizada de 2 metros de altura e porta metálica de malla ST de dobre folla de 4 metros de ancho total. Tamén se prevé a execución dun acceso á depuradora.

As obras darán servizo a unha poboación de 99 habitantes para o ano horizonte 2044.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.