A Xunta avanza no proxecto da nova Edar de Queiruga en Porto do Son para licitar e adxudicar as obras neste ano cun investimento próximo aos 2 M€

Gonzalo Trenor informou ao alcalde de Porto do Son dos avances nos trámites desta obra nun encontro de traballo na delegación da Xunta

A actuación contempla a construción dunha rede de colectores e a localización da depuradora de augas residuais no lugar da Ponte, na zona norte desta parroquia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade proporciona o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento, abastecemento e depuración

Porto do Son (A Coruña), 4 de marzo de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informoulle esta tarde ao alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, dos avances no proxecto de saneamento na parroquia de Queiruga, que suporá a construción dunha nova Edar.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a ultimar o proxecto e cando o Concello leve a cabo a tramitación previa de posta á disposición dos terreos e a información pública procederase a súa licitación.

Trenor recalcou que a previsión da Xunta é poder licitar e adxudicar as obras neste mesmo ano, que suporán un investimento autonómico próximo aos 2 millóns de euros.

O delegado da Xunta explicou que as actuacións proxectadas pretenden mellorar o sistema de saneamento existente mediante a construción dunha nova Edar no lugar da Ponte. Ademais proxéctase unha nova rede de colectores de augas residuais, tres estacións de bombeo e dúas impulsións para a condución das augas ata a nova Edar. Tamén se inclúe a execución de dous colectores de augas pluviais.

De acordo coa alternativa proposta, a rede de Queiruga estaría composta por un total de 10 colectores, 8 por gravidade e 2 por impulsións. Tamén son precisas 3 estacións de bombeo nos lugares de Tarrío, Seiras e A Ponte. En total prevese a construción dunha rede de colector de augas residuais, pluviais e impulsións que suman máis de 5.300 metros de lonxitude en total. Trenor recalcou que “a nova instalación suporá un gran avance para a rede de saneamento dos principais núcleos costeiros de poboación do municipio”.

Con este tipo de actuacións a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento, abastecemento e depuración, que son de competencia local.